Imagen asociada

A análise da demanda no sector turístico pódese estudar dende varias perspectivas: por unha banda, a contabilización dos visitantes chegados a un lugar e, por outra, a análise das motivacións e do perfil destes visitantes.

As investigacións sobre o perfil dos visitantes é clave para a mellora da calidade da experiencia do turista ou excursionista pois permite anticiparse e dar resposta ás diferentes demandas e necesidades dos visitantes, ademais de facilitar información clave tanto para o deseño de actuacións nos distintos destinos turísticos como para a realización de campañas de atracción de novos visitantes nos lugares de orixe.


Observatorio turístico


O carácter estratéxico que o turismo ten para o desenvolvemento económico e social de Galicia, e a dinámica que está a experimentar o sector, con cambios constantes e rápidos tanto na oferta como na demanda, obrigan a dispor dos elementos necesarios para o seu coñecemento: saber como se estrutura, cal é o seu esquema de funcionamento, que dinámicas xera, cales son os retos que se formulan de cara ao futuro e como se poden afrontar ditos retos de forma eficiente. Isto abre novas posibilidades no campo da planificación e xestión do turismo, circunstancia que obriga dalgunha maneira a establecer novos mecanismos e instrumentos de coñecemento, acción e avaliación do sector. Este feito formula a necesidade de dispoñer de instrumentos e ferramentas de información que permitan obter unha permanente radiografía das principais características do turismo en Galicia, tanto a nivel global como centrado nos distintos segmentos de oferta e demanda, así como discernir as pautas de evolución do mesmo. Conflúen aquí, polo tanto, dous elementos de vital importancia e interese para o desenvolvemento do proxecto e tamén para os obxectivos do sector: a xeración de inputs de información e o establecemento dun mecanismo de seguimento da actividade turística. Todo isto co obxectivo básico de ofrecerlles aos axentes económicos e sociais os elementos necesarios para a toma de decisións no ámbito da planificación e xestión do turismo.
Isto é a base dos obxectivos e contidos do Observatorio do Turismo de Galicia. Este reto fundaméntase, polo tanto, na necesidade de montar unha estrutura sistemática de recompilación, análise e tratamento de información relativa ao sector turístico na nosa comunidade. A estrutura e contido do Observatorio do Turismo de Galicia vai a depender fundamentalmente dunha serie de factores

• As necesidades de información do sector, isto é, os inputs de información necesarios para a toma de decisións.


• A oferta de estatísticas e información actual, proporcionada por distintos organismos a nivel estatal, rexional ou local.


• Grao de compromiso do sector, tanto co traballo do Observatorio (contidos e metodoloxías) coma cos resultados obtidos do mesmo.


• Grao de colaboración tanto entre institucións coma a relación público-privada.


Todos estes elementos condicionan dalgunha maneira tanto os obxectivos coma os contidos e metodoloxías de traballo do Observatorio do Turismo de Galicia.