FESTA DA TROITA

125
0
Desde 1967, por iniciativa dun grupo de pescadores da localidade, Ponte Caldelas enxalza a afluencia de troitas no río Verdugo e organiza unha popular festa gastronómica, loada por literatos e personaxes da vida social e cultural galega, e un Concurso Internacional de Pesca moi coñecido polos afeccionados.
Todas as sociedades de pesca de Galicia son invitadas a participar na competición  que ten lugar no paseo fluvial entre a praia fluvial da Calzada e a vila e é seguido in situ con curiosidade e admiración, polo público.
A degustación gastronómica ten lugar na Alameda, o sábado pola tarde, tras o concurso de pesca. Aínda que desde 1993 non poden poñerse á venda troitas de río, senón de piscifactoría, o peixe non perde aceptación. Xunto á troita, ademais, é posible degustar outras moitas especialidades da zona, como cabrito e caza (perdiz e coello). Os hostaleiros da vila son os encargados de preparalas, de distintos xeitos, ante a mirada da xente.
O domingo pola mañá ten lugar a entrega de trofeos do concurso de pesca coa presenza de autoridades e numerosos afeccionados e a Alameda volve encherse de medios de comunicación e público. Despois, ten lugar un banquete no que foi o antigo balneario de Ponte Caldelas, nunha bela paraxe xunto ao río.

Para non perderse:
"Libro da Festa da Troita" de cada ano, onde se recolle o programa de festexos, o regulamento do Concurso Internacional de Pesca e temas de actualidade que afectan ao desenvolvemento do municipio. 
Arriba