FOGUEIRAS DE SAN XOÁN

44
0
Se hai un lugar no que a Noite de San Xoán se vive entusiastamente ese é A Coruña, onde a noite máis curta do ano vai precedida de toda unha semana de actos e preparativos. Desde a mañá anúnciase a festa con desfile de bandas e carrozas de meigas para que a queima da fogueira volva ser un momento máxico e inigualable no calendario anual. O olor das sardiñas asadas e do lume invade a cidade na noite do 23 de xuño debido as fogueiras que se alzan en numerosos puntos. Moita xente participa neste culto ancestral ao lume co que se celebra a entrada do verán e cumpre co rito de pedir desexos saltando sobre as chamas. Pero a fogueira máis concorrida é a que se alza na praia de Riazor, coa figura dunha bruxa de cartón pedra, arredor da que se satirizan sucesos da vida política e social vividos ao longo do ano, antes de lle prender lume. Ata aquí chegan en cabalgata a Meiga Maior, a Meiga Maior Infantil e as súas respectivas meigas de honra, que son as encargadas de acender a fogueira, nun espectáculo que ateiga as praias de Riazor e do Orzán, sementadas á súa vez de pequenas fogueiras de mozos e mozas espontáneos, mentres algunhas persoas cumpren co rito purificador do baño das nove ondas. Nunha noite como esta, enchida de elementos rituais, a festa prolóngase ao ar libre ou polos locais do Paseo Marítimo ata a mañanciña.

Para non perderse: Fogueira de Riazor, que é acendida ás 12 da noite polas Meigas Maior e Infantil.
Arriba