MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA

93
0
Se o Val de Quiroga é unha das poucas zonas de Galicia onde se mantivo o cultivo de oliveiras  e a elaboración tradicional do aceite, non é de estrañar que o municipio lugués celebre dende o ano 2000 unha mostra que ofrece a posibilidade de contemplar o proceso íntegro desta elaboración artesanal, así como un espazo de venda deste e outros produtos típicos da comarca.
Esta cita anual celébrase no lugar das Farrapas da parroquia de Bendilló, no muíño de aceite de Guillermo Nogueira. Aí os visitantes poden contemplar este proceso a través de dúas moendas completas que se realizan na xornada festiva e nas que se emprega o instrumental e os procedementos que marca a tradición.
Ademais dos postos onde os colleiteiros poñen á venda o aceite, na mostra non faltan outras delicatessen da zona como castañas, viño, mel ou licores caseiros, as actuacións de música e danza tradicionais, unha cata de aceites participantes e degustacións de polbo e carne á brasa.
A tradición olivareira do val que forma o río Sil entre Quiroga e Ribas de Sil remóntase varios séculos atrás. Clima cálido e terras fértiles favorecen o crecemento das oliveiras, das que se calcula que 3.000 se manteñen produtivas. O resultado é un aceite virxe extra, de cor amarela verdosa, limpo e brillante. A produción anual mantense arredor dos 1.500 litros.
Quiroga, ademais de acoller esta manifestación popular de gran valor cultural e de indubidable atractivo turístico e de recoñecer os esforzos dos produtores para dar a coñecer a singularidade deste aceite, cumpre con creces co refrán popular: Aceite, viño e amigo, mellor canto máis antigo.

Destacado: O proceso artesanal de elaboración do aceite

Arriba