CORPUS CHRISTI

19
0
As rúas céntricas de Ponteareas amañecen o domingo de Corpus tapizadas de espectaculares alfombras florais sobre as que pasará a procesión do Santísimo Sacramento. A tradición, que ten máis de 150 anos de antigüidade, perdura grazas ao tesón dos veciños, que durante a véspera traballan na súa confección. Aínda que tamén son figurativos, a maioría dos deseños son debuxos xeométricos e, en todos os casos, sorprenden pola súa magnitude e o seu colorido. O significado das alfombras, que adoitan ser máis dunha ducia, é profundamente relixioso, xa que se realizan como ofrendas ao Santísimo.
Moitos son os visitantes que se achegan pola noite para asistir á súa confección, na que se emprega unha ampla variedade de plantas, entre elas a hortensia, o mirto, a mimosa, o fiúncho, a rosa… O traballo é unha auténtica manifestación de voluntariedade popular na que participan  nenos e maiores, cada un cunha misión, e todos co propósito de rematar antes das nove da mañá do domingo.
Durante a solemne procesión, a Custodia, coas autoridades municipais á cabeza, mulleres ataviadas con  mantilla branca, banda de música, nenos e nenas de Primeira Comuñón…, deterase en varios altares e será bañada por unha chuvia de pétalos lanzados desde os balcóns, nun dispendio de colorido ao que o público asiste emocionado desde as beirarrúas. Ao remate da mesma, a beleza e o valor artístico das alfombras esvaécese, e só queda a súa testemuña nas fotografías que toman compulsivamente milleiros de espectadores.

Para non perderse
Traballos de confección das alfombras na noite da véspera, nos que participan centos de voluntariosos veciños.
Arriba