FESTA DA ANDROLLA E O ENTROIDO DE VIANA DO BOLO

65
0
A androlla é un embutido típico da comarca de Viana, que se fai en tripa gorda, afumada como un chourizo, e reenchida de costela de porco tallada e adobada con carne, todo sazonado con sal, pemento doce e picante e un pouco de allo. Necesita afumarse durante dez días e secarse durante uns dous meses antes de estar lista para cociñar.
O Domingo de Entroido, este produto elaborado con carne de porco é o produto estrela da xornada en Viana do Bolo e son moitas as persoas que acoden a degustala, acompañada de cachelos e de grelos, en medio do ambiente festivo propio do Entroido, un dos máis orixinais da provincia de Ourense.
Aquí a personaxe típica é o “boteiro” que, coa súa máscara de madeira de cor negra rematada por unha pantalla con armazón de arame recuberta de tiras de papel de seda de cores e os seus saltos, garda reminiscencias de culturas exóticas. Rechamante tamén polo colorido das fitas de tea que cobren a súa camisa, que forman debuxos xeométricos ou florais, o “boteiro” é o encargado de abrir paso aos folións e manter a orde da comparsa. Moi respectado polo público, cos seus movementos ten a habilidade de facer que as chocas do seu cinto, de distintos tons, soen como é axeitado en cada momento.

Para non perderse
Desfiles de folións, acompañados polos “boteiros”.
Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba