FESTA DA DORNA DE RIBEIRA

54
0
Simpática e disparatada. Así é esta festa que ten a súa orixe en 1948, froito do sentido do humor dun grupo de amigos que responderon con moita graza a unha iniciativa da Comandancia de Mariña de Vilagarcía de Arousa de rifar, co gallo das festas do Carme (patroa dos mariñeiros), unha embarcación tipo dorna, tradicional da zona. Estes amigos dixeron que lles tocara a dorna a eles e convocaron o pobo á súa botadura. Apareceron cunha maqueta de 50 centímetros e unha botella de auga destilada e bautizaron a embarcación como “Virgen del Carmen”. Logo, cun pequeno tocadiscos, celebraron un baile nun bar de Ribeira. E comezaron a festexar todos os anos o aniversario desta botadura…
Ata hoxe, cando, grazas á asociación cultural “Real e Ilustre Cofradía da Dorna”, que desenvolve diversas actividades en favor da cultura marítima, a Festa da Dorna e as súas peñas dorneiras, encargadas de servir o espectáculo ao público, teñen acadado enorme sona e popularidade na comarca do Barbanza, polo que os festexos comezan uns días antes.
O evento “estrela”, singular e sorprendente pola imaxinación e o enxeño dos participantes, é a “Rejata de Embarcasións Feitas á Machada e Propulsión a Pan de Millo. Jran Premio Cutre Sark”, que pon a proba a capacidade construtora das peñas participantes, a súa habilidade, inventiva e humor. Celébrase pola mañá do día 24, na praia de Coroso, moi preto do lugar onde ten lugar a típica romaría, con degustación de viños e sardiñas, amenizada con gaitas e charangas.
Pola tarde, o esperado “Top Secret”, no que se descubre a personaxe ou o tema de máis actualidade ao que cada ano se rende homenaxe. As 6.000 ou 7.000 persoas que desfilan polas rúas de toda a vila son a demostración en vivo do fervor popular por esta festa. A multitudinaria marea humana remata no Paseo do Malecón, onde ten lugar o Concerto Fin de Festa.

Destacado:

O Caderno de Bitácora, onde se recolle o programa de actos da festa, redactado coas particularidades da fala da zona (gheada e seseo), e se verten críticas e alusións á actualidade con grandes doses de ironía e sarcasmo.
Arriba