O NAUFRAXIO DE LAXE

58
0
O Naufraxio, é unha homenaxe que as xentes do mar de Laxe lle fai á Virxe do Carme pola súa protección durante todo o ano nas diferentes tarefas que realizan no mar, evitando que se produza ningunha traxedia, tan habitual ás veces entre os mariñeiros.

O naufraxio foi instituído no ano 1962 por un mariñeiro de Laxe, Avelino Lema Santos, que sobreviviu a tres naufraxios. Dende entón realizase de forma ininterrompida ata o día de hoxe.

O día 17 de agosto celebrase en Laxe a festividade do Carme: Ás 12:00 h da mañá celébrase a misa solemne en honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Ao remate desta sae a procesión polas rúas da vila ata chegar ao porto.

Unha vez que a Virxe chega ao porto, comeza a representación do naufraxio. Varios mariñeiros saen nunha chalana dende a parte norte do porto, simulando a viaxe que realizan cando veñen de pescar. Ao chegar á metade do percorrido, a chalana vai a pique, despois de botar unha bengala.

Os náufragos comezan a nadar cara á beira onde se atopa a Virxe do Carme, que os agarda ao pé do mar. Unha vez que chegan a terra, camiñan de xeonllos ata alcanzar a imaxe da Virxe e bican os seus pés en sinal de agradecemento. Os catro últimos náufragos, antes de nadar cara á beira, danse conta de que hai un compañeiro seu morto e deciden ir buscalo. Entre estes catro mariñeiros conseguen levalo a terra onde os espera a Virxe do Carme. Depositan ao naufrago morto aos pés da Virxe que obrará o milagre de resucitalo.

En memoria de todos os mariñeiros naufragados de Laxe e de calquera outro lugar do mundo cantan a “Salve Mariñeira” para agradecer a Virxe a súa continua protección. A continuación os barcos, engalanados, saen en procesión pola ría seguindo ao barco que ten a honra de levar ese ano a imaxe da Virxe do Carme. No transcurso da procesión marítima tirase ao mar flores para recordar e honrar a todos os mariñeiros que morreron no mar.

Ao rematar a procesión marítima, os mariñeiros que participaron no naufraxio, portan descalzos e a ombros a imaxe da Virxe do Carme de regreso á igrexa.
Arriba