FESTA DO POLBO

86
0
Un produto rei da cociña atlántica, procedente do mar, ten o seu feudo no Carballiño, a 80 quilómetros da costa. A orixe desta contradición está en que era o pagamento en especie que se facía na Idade Media ás ordes monásticas de Oseira pola explotación das súas posesións portuarias nas Rías Baixas. As xentes do Carballiño, en concreto as das parroquias de San Xoán de Arcos e de Santa María de Arcos, propiedades tamén do mosteiro de Oseira, eran as encargadas do seu transporte, preparación e venda no mercado.
A tradición daquelas feiras e mercados festéxase desde 1962 cunha das máis importantes festas gastronómicas de Galicia. Arredor de 70.000 persoas achéganse ata a vila, toda ela impregnada do olor do polbo que se coce nos fogóns de todos os establecementos hostaleiros e no Parque Municipal. Nesta paraxe á beira do río Arenteiro, acondicionada con mesas e bancos, ten lugar a festa, invadida do ambiente de romaría tradicional, con numerosas actuacións folclóricas e o protagonismo das peñas.
As pulpeiras de Arcos encarnan a secular tradición da preparación do polbo, e cociñan arredor de 40.000 quilos deste cefalópodo, aínda que na festa tamén se degusta caldo, carne ao caldeiro, empanada, viño do Ribeiro, pan de Cea, e a tradicional queimada e tampouco faltan as famosas cañas de crema do Carballiño.

Para non perderse:
Degustación do polbo nos postos ambulantes do Parque Municipal.
Arriba