FESTA DO MONTE

50
0
A Festa do Monte perdeu o seu carácter relixioso de hai un século, pero non o interese dos guardenses, que continúan o costume de subir ao monte de Santa Tegra para celebrar unha gran romaría, coincidindo co segundo domingo de agosto. En realidade, as festas, as máis importantes do ano para os guardenses, duran toda a semana, e acaban o luns seguinte ao chamado Domingo do Monte, cunha gran tirada de fogos de artificio.
A partir do xoves o protagonismo da festa é para as bandas mariñeiras, unha vintena de grupos de amigos que enchen a vila coa música de bombos, tambores e gaitas e o colorido da súa indumentaria e contaxian a todo o mundo coas súas ganas de pasalo ben. O sábado ten lugar un gran desfile polo centro urbano en que participan todas as bandas e grupos de música tradicional galega da Guarda. Ao día seguinte, no monte, ao que as bandas soben sen parar de tocar os seus instrumentos de percusión, formando un grande estrondo, cumprirán o ritual da xura: todos os seus compoñentes beben viño xurando volver e en memoria dos que non puideron estar. A romaría convértese nunha gran troula por todo o monte, que segue pola tarde durante a baixada das bandas, chamada A Desfeita, desde o monte ata o porto, polas rúas guardesas. Iso si, cunha parada de rigor no Montiño onde as bandas repoñen forzas comendo e bebendo con outros romeiros.

Destacado:
Desfile de bandas mariñeiras por toda a localidade.

Arriba