FESTA DA AMEIXA DO CARRIL

49
0
O bivalvo máis identificativo da localidade mariñeira do Carril, en Vilagarcía de Arousa, é o protagonista desta cita gastronómica que se celebra no domingo seguinte ao 16 de agosto, festividade de San Roque, festas patronais de Vilagarcía de Arousa.

Durante unha fin de semana pode degustarse a ameixa criada nos areais do Carril nas máis variadas preparacións, pero especialmente á mariñeira e acompañada de viño albariño.
Os afeccionados á cociña teñen tamén a oportunidade de participar nun concurso no que se premian as mellores receitas coa ameixa como ingrediente principal. Neste concurso entréganse as Ameixas de Ouro, de Prata e os galardóns ao parquista máis novo e ao parquista de honra.
 
A festa celébrase na Alameda, xunto á lonxa e con vistas á illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas. A Festa da Ameixa celébrase desde o ano 1991. Naceu por iniciativa do Concello de Vilagarcía, en colaboración coa Confraría de Pescadores e a Agrupación de Parquistas do Carril que desenvolven un importante labor, cociñando e servindo as racións e montando as infraestruturas e atendendo os visitantes.
Conta cunha Orde da Ameixa (desde 2004) que, co seu Gran Maestre, Cultivador Maior, Sementeiro e Sanador, nomea as Donas e os Cabaleiros cuxo deber é, a partir dese momento, converterse en embaixadores do Carril e as súas ameixas.
Arriba