FESTA DA ANGUÍA E A MOSTRA DA CAÑA DO PAÍS DE VALGA

43
0
Desde o ano 1989 celébrase neste concello a Festa da Anguía para enxalzar e dar a coñecer un dos peixes máis exquisitos do río Ulla. Pretende mostrar as distintas posibilidades culinarias que este peixe nos pode ofrecer: ano a ano fóronse engadindo novas formas de preparalo, e así na última edición os milleiros de visitantes puideron degustalo en empanada, fritido, guisado con patacas, rebozado, en escabeche ou á Bela Otero (con arroz).

Dous anos despois acordouse celebrar conxuntamente con esta festa gastronómica a Mostra das augardentes tradicionais que se elaboran en todas e cada unha das parroquias de Valga; nacendo así a Mostra da Caña do País. Deste xeito “os cañeiros” da zona poden mostrar as augardentes, que seguindo o modelo tradicional pasado oralmente de xeración en xeración, conseguían obter coa destilación do bagazo da uva unha das augardentes máis prezadas de Galicia: a caña do país de Valga.

A Festa da anguía e Mostra da Caña do País desenvólvese ao longo do venres, sábado e domingo da última semana do mes de agosto.

O venres e o sábado ten lugar o concurso de augardentes de cada unha das modalidades ás que se poden concorrer: branca, tostada e de herbas. E ás 24:00 horas do sábado celébrase unha queimada popular, seguindo o método tradicional. A queimada é gratuíta para todo o mundo e quéimase máis de 300 litros de augardente.

O domingo, día principal da festa, comeza coa lectura do Pregón das Festas, e a entrega de premios aos gañadores da Mostra da Caña.
Realízase unha destilación de augardente segundo a maneira tradicional de facelo, con leña e en pota de cobre.
Ao redor das 14.00 horas comeza a degustación da anguía.
O desenvolvemento da festa leva parello un programa cultural e musical que se desenvolve tamén eses días, nos que os veciños de Valga, visitantes e turistas poderán asistir a concertos, bailes rexionais, teatro, exposicións, actividades deportivas, actividades lúdicas para os máis cativos, ....
Arriba