FESTA DO GALO PIÑEIRO E MOSTRA CABALAR

46
0

Todos os que se acheguen ao concello do Pino a primeira fin de semana de agosto atoparanse con tres festas nunha soa. É a Festa do Galo piñeiro, coa que se pretende recuperar e pór en valor esta especie orixinaria do Pino, mais inclúe unha Mostra cabalar e, nas súas últimas edicións, unha Festa Celta coa finalidade de ambientar as rúas naquela civilización que introduciu o galo piñeiro en Galicia.
Máis de 15.000 persoas gozan do ambiente festivo que inunda a parroquia de Arca, tomada polos tradicionais postos de venda de artesanía e produtos gastronómicos da terra. Tomada tamén por personaxes ataviados de antigos celtas, uns batallando, outros dedicados á música... e, ademais, demostracións de oficios e obradoiros de pezas de artesanía de todo tipo.
Un dos maiores atractivos da xornada do domingo é o concurso-exposición de fermosos exemplares de galos piñeiros, unha especie moi pouco estendida, con premios para as mellores parellas. Pero a admiración dos galos vivos non queda aí, senón que o público ten a oportunidade de degustar gratuitamente a súa carne e de participar despois dunha comida popular co galo piñeiro como prato principal.
A festa non decae e, pola tarde, ten lugar unha mostra cabalar, con exhibicións e premios e diversos espectáculos ecuestres.

Destacado:
Exposición e concurso de galos piñeiros


 

Arriba