DÍA DA GAITA E ROMARÍA A SANTA CRUZ

37
0
Trátase dun festival folclórico popular e festa gastronómica que se coñece como “A XIRA” que se vén celebrando todos os anos desde 1965 o primeiro domingo de agosto, aínda que con anterioridade xa se celebraba sen data fixa.
Da organización encárgase a Asociación Amigos da Gaita Galega que tamén erixiu no monte de Santa Cruz, lugar de celebración da Romaría e incomparable atalaia desde a que se divisa toda a bisbarra, un monumento ao Gaiteiro aínda único na nosa Comunidade Autónoma.
O programa da festa comeza a véspera do evento principal coa celebración do pregón do que tradicionalmente se ocupa un personaxe vinculado á vila de Ribadeo e á nosa cultura. De seguido as escolas da Asociación ofrecen unha completa mostra folclórica.
O día da festa e desde primeiras horas da mañá, grupos tradicionais enchen a vila co son das gaitas e ao mediodía celébrase unha nova mostra folclórica no Cantón dos Moreno e de seguido iníciase a subida ao monte para a celebración da Romaría. Alí as gaitas non paran de soar mentres milleiros de romeiros comparten empanadas, tortillas e outros manxares. A media tarde a ofrenda floral ante o monumento ao Gaiteiro dá paso á mostra folclórica e a festa prolóngase máis aló do anoitecer.
Esta é unha festa na que participan milleiros de persoas de moi diversa procedencia en forte irmandade e na que se homenaxean todos os símbolos e a esencia da identidade e da cultura galega.

Destacado:

Pregón, romaría, ofrenda floral ao Gaiteiro e mostra folclórica.
Arriba