FEIRA EXPOSICIÓN EXALTACIÓN DO VIÑO DA ZONA DO RIBEIRO

2
0

A capital da comarca do Ribeiro celebra desde 1963 unha festa dedicada ao seu viño, un produto de fama e tradición milenaria que constitúe o elemento de identidade por excelencia desta comarca ourensá. É a Feira Exposición do Viño do Ribeiro, unha boa ocasión para coñecer e catar a variedade de caldos, brancos e tintos, que se producen nestas terras bañadas polos ríos Miño, Avia e Arnoia. Adegas e colleiteiros pertencentes á Denominación de Orixe Ribeiro, participan nela cunha produción que revalida cada ano a súa excelencia e explica a merecida fama nacional e internacional duns caldos frescos, lixeiros e transparentes, que se caracterizan polas súas sorprendentes combinacións de aromas florais e afroitados. Os primeiros días da feira, a exposición está orientada aos profesionais. Celébranse xornadas técnicas e participan nela hostaleiros, importadores, restauradores e prensa especializada.

A fin de semana, o público xeral ten a oportunidade de participar nun concurso de cata popular, e na praza da Magdalena instálase un mercado artesanal moi concorrido. Deporte, animacións musicais e verbenas, xunto a unha exposición de maquinaria agrícola, conforman un programa cuxo principal obxectivo é a exaltación dos viños do Ribeiro.

Destacado: Cata popular, na Praza Maior.

+ información do produto

Arriba