SEMANA SANTA DE PARADELA

5
0
A posta en escena da Paixón, Morte e Resurrección de Cristo que ten lugar na pequena parroquia de Santa María de Paradela (Meis, Pontevedra) sorprende gratamente polo esmero da posta en escena, o coidado do vestiario e dos escenarios onde descorren os actos. A calidade da interpretación dos actores logra transmitir ao público o sentimento profundo da fe cristiá. Por iniciativa da Confraría de Semana Santa e Pascua, nacida en 1993, todos os fitos que marcan as horas previas á morte de Xesús Cristo e a súa posterior resurrección son coidadosamente representados. O público participa activamente, o que contribúe a darlles aínda maior realismo ás escenas. Así, a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén ao lombo dun burro o Domingo de Ramos, a bendición de ramos e a procesión desde o Campo de Outeiro ata a igrexa parroquial é a primeira dunha serie de representacións que, alternadas cos actos litúrxicos propios destas datas, se suceden o Xoves Santo, o Venres Santo, o Sábado Santo e o Domingo de Resurrección. O xoves pola noite, tras a liturxia, ten lugar a posta en escena da Última Cea, o lavatorio de pés, o prendemento de Xesús e o seu xuízo ante Caifás. Na mañá do venres, veciños e visitantes concéntranse diante do adro da igrexa parroquial para asistir á representación do xuízo de Xesús ante Poncio Pilatos e Herodes e á flaxelación, e participar a continuación nun realista e emotivo Vía Crucis ata o Monte da Croa, onde se representa a crucifixión.
Á noite, represéntase o desencravo, seguido da procesión do Santo Enterro ata a igrexa parroquial.
O sábado, na media noite, ten lugar na igrexa parroquial a Misa de Resurrección, na que se bendice o lume e a auga. Na súa finalización, de xeito gratuíto repártese entre os asistentes a tradicional rosca de Pascua.
Todo o pobo volve concentrarse na mañá do Domingo de Resurrección diante do adro da igrexa, onde se representa a Resurrección de Xesús coa participación de nenos e nenas de curta idade.
A fin de festa chega tras a misa, coa procesión ata o Campo de Outeiro, amenizada por unha banda de música, dos membros da Confraría, as imaxes do Sagrado Corazón de Xesús e da Virxe da Asunción, patroa da parroquia, e todas as personaxes que interviñeron nas diferentes escenificacións.

Para non perderse:
Xuízo de Xesús, flaxelación, calvario e crucifixión no Monte da Croa.
Arriba