Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Bosques de Galicia > Experiencias... > Engadir á "Miña viaxe"

Bosques de Galicia

Ancares - Courel

Poderíase dicir que Os Ancares e O Courel conforman a maior reserva verde de Galicia. Lobos, xabarís, raposos, e corzos son algúns dos animais que poderedes encontrar se vos animades a percorrer algunha das súas belas sendas. Mesmo non sería imposible atopar as pegadas dun oso ou dunha pita do monte

Tanto nos Ancares como O Courel hai infinidade de rutas que atravesan vales e montañas, serpeando entre castiñeiros, carballos, teixos, bidueiros e ata aciñeiras!

Para comezar, propoñémosvos que vos internedes en cinco dos seus bosques máis emblemáticos: o insólito Aciñeiral de Cruzul (Becerreá), o Souto de Agüeira (As Nogais), a fermosa Devesa de Rogueira (Folgoso do Courel) e o máxico Bosque de Cabana Vella (Cervantes). Non perdades a oportunidade de visitar as aulas de natureza de Degrada e Moreda para recoller máis información sobre os espazos que percorreredes e dos que, sen dúbida, vos namoraredes.

No mesmo xeodestino Ancares-Courel, pero máis ao norte, encontraredes o sexto bosque que vos propoñemos: a ancestral Fraga da Marronda (Baleira), na que conviven carballos, castaños, acivros, e algunha que outra faia. Non perdades detalle da vosa experiencia nestes Bosques de Galicia!

Os Ancares

A casa do oso, o lobo e a pita do monte

Non é fácil atopar un oso cando paseamos polos Ancares, pero non é imposible. Segundo a Fundación Oso Pardo, este plantígrado regresou no s. XXI a estas montañas lucenses e agora atópase a gusto nos seus bosques Pero nestas terras de montaña tamén hai outros habitantes emblemáticos, coma o lobo e a pita do monte. Nos Ancares atoparemos fermosas paisaxes de montaña e unha natureza xenerosa, pero, ao tempo, agreste e con duros invernos de neve. Nalgúns pobos aínda subxacen construcións prerromanas —as pallozas— que se mantiveron habitadas ata hai poucos anos.

En todos os recunchos dos seus bosques descubriremos a maxia da natureza: a do gran carballo oco que florece cada ano ou a do acivro que salpica de vermello a neve no inverno. Aínda que son moitos os bosques que visten Os Ancares de cores, nesta ocasión propoñémosvos empezar a percorrelos coñecendo un deles: A Cabana Vella.

Ampliar
  • Pallozas en Piornedo

  • Alvariza nos Ancares

  • Os Ancares

  • Os Ancares

  • Os Ancares

  • Os Ancares

  • Oso en Ancares

  • Perfil da ruta

  • Mapa da ruta

Ruta do bosque da Cabana Vella
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Degrada (Cervantes)Circular17,635 h 30 min.MediaMedia-alta
PERFIL: Xente con experiencia, que sabe manexar mapas e orientarse

A ilusión por percorrer Os Ancares a través desta ruta de sendeirismo havos levar a unha pequena aldea chamada Degrada, no municipio de Cervantes. Detrás do emblemático albergue do Club Ancares, atoparedes o Centro de Interpretación da Natureza, un bo punto de partida onde poderedes recoller información sobre a xornada que vos espera.

Desde alí iniciaredes unha ruta con categoría de viaxe: imos á época en que os bosques eran lugares de maxia e misterio, porque o bosque da Cabana Vella nos abre unha fiestra a aqueles tempos. A ruta non está sinalizada, pero non vos preocupedes!, é fácil orientarse, se as condicións meteorolóxicas son favorables. Tomade a pista que ascende suavemente desde a parte de abaixo do aparcadoiro do Club Ancares.

Paga a pena viaxar amodo, cos todos os sentidos prestos a captar as sensacións que nos regala o bosque. Quen sabe: talvez podamos escoitar a voz da pita do monte macho nos seus cantadoiros, tratando de seducir a femia.

Moi pronto atoparedes unha bifurcación e teredes que seguir o voso camiño en dirección ao pico dos Tres Bispos. Nuns 5,5 km desde o punto de inicio alcanzaremos ao claro dos Tres Bispos. Neste punto, a pista termínase para dar lugar a un sendeiro estreito que se introducirá afouto polo espeso bosque que veredes á vosa dereita. Pero, atención aventureiros! porque os máis atrevidos teredes a oportunidade de desviarvos unha horiña da ruta para ascender ao cume do popular Pico dos Tres Bispos. Realizaredes unha travesía máis longa e un chisquiño máis dura, pero seguro que o esforzo pagará a pena, porque poderedes gozar dunhas magnificas vistas desde o alto.

De novo no claro, a senda que teredes que atopar á vosa dereita, sentido de subida, pode ser o punto máis complicado da ruta, xa que tanto se neva coma se vos coincide atoparvos coa exuberante vexetación da primavera, poida que non a vexades ben de todo. Así que atención ao mapa!

Unha vez orientados, a senda segue entre arboredo, desembocando na golada de Vara. Alí deixamos a senda natural para comezar de novo unha pista que tomaredes en dirección dereita segundo o voso sentido de marcha e que, atravesando por fin o máxico bosque da Cabana Vella, vainos a conducir ata o punto de partida.

Documentos relacionados...

Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba