Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Bosques de Galicia > Experiencias... > Engadir á "Miña viaxe"

Bosques de Galicia

Ribeira Sacra

É doado entender por que centos de monxes e ermitáns escolleron os bosques da Ribeira Sacra para levantar aquí os seus mosteiros: soidade, calma, silencio, natureza, verdes e ocres, viñedos, augas tranquilas…

Parece o lugar ideal para afastarse do mundanal ruído, para relaxarse, para encontrarse cun mesmo e coa natureza. Sabíano entón os monxes e agora invitámosvos a descubrilo a vós.

Para iso, propoñémosvos tres rutas de sendeirismo nas que poderedes gozar do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra a través dos seus tres bosques máis prezados: o bosque de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil), o bosque de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) e o Bidueiral de Montederramo (Montederramo) que alberga un dos bosques de bidueiros mellor conservados de Galicia.

A través dos Bosques da Ribeira Sacra colgarédesvos do Canón do río Sil nos seus últimos quilómetros ata a súa desembocadura do gran río de Galicia, o Miño, sorprenderanvos as súas paisaxes de bancais para o cultivo das vides (recordade que estades nas terras do viño con Denominación de Orixe Ribeira Sacra!), e descubriredes como conviven carballos e castiñeiros con sobreiras e albedros, moi pouco habituais en Galicia.

Un último consello! Se vos achegades á Ribeira Sacra a percorrer estes bosques, non esquezades descubrir o seu Patrimonio Oculto, a través da experiencia "Ribeira Sacra: entre viñedos e mosteiros".

Sto. Estevo de Ribas de Sil

O bosque que reza

O río Sil discorre polo fondo dun profundo val, resgardado por un bosque de ribeira no que convive a vexetación mediterránea cos fillos naturais das fragas galegas. Máis arriba, os restos da ermida de San Xoán ofrécennos un enclave de xenerosas vistas. E aínda máis alto, emerxe a figura do mosteiro, insinuándose entre carballos e castiñeiros. O que foi mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil é hoxe un acolledor Parador de Turismo. Brillantemente restaurado, as súas habitacións foron as celas dos monxes.

Abrigado polo mesto bosque, o mosteiro rumoréalle os seus segredos á ermida de San Xoán. Escoita en silencio o que din. Ás veces óense aquí palabras e rezos.

Ampliar
  • Canón do Sil

  • Canón do Sil

  • Ponte nos Peares

  • Río Sil preto dos Peares

  • Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

  • Perfil da ruta

  • Mapa da ruta

Ruta de San Estevo de Ribas de Sil
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Os Peares (A Peroxa)Circular73 h.MediaMedia
PERFIL: Sendeiristas ocasionais

A ruta que vos propoñemos nesta ocasión é circular, polo que poderedes iniciala e terminala en calquera dos puntos polos que pasa. A nosa opción recomendada é a de tomar como punto de partida a estrada que desde Os Peares leva á central hidráulica de San Pedro e remonta logo o río Sil. Comezaredes por un percorrido duns 6 km, aínda no coche, ata atopar un pequeno aparcadoiro e os paneis informativos da ruta.

Para recobrar o alento, buscade os restos da ermida de San Xoán e mirade ao voso ao redor a beleza da paisaxe.

O noso camiño comeza xunto ao río, pero que non vos asuste a gran pendente que vos dá a benvida da ruta! O sendeiro ascende cunha brusquidade á que debedes responder con calma, pois pasa pronto e enseguida obteredes recompensas moi reconfortantes.

Deixaredes a ermida atravesando un bosque asombroso, no que un camiño sinxelo pero de exemplar trazado, que combina belas vistas cunha gran variedade de árbores e vexetación.

O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil presentarásevos de súpeto canto menos os esperedes. Ao principio será unha vista velada polo arboredo, moi suxestiva. A medida que vos vaiades aproximando, as súas formas revelaranse contundentes. Ao chegar ao Parador, non sexades tímidos e non fiquedes ás portas! Aproveitade para refrescarvos nun ambiente histórico e artístico moi reconfortante.

Tras un merecido descanso e descubrir os recunchos Santo Estevo, poderedes continuar a vosa experiencia pola parte alta do mosteiro, grazas ás escaleiras que hai fronte á entrada principal. Preto deste punto, unha derivación do camiño propoñeravos coñecer o funcionamento dos sequeiros, as construcións tradicionais empregadas para secar as castañas e facilitar a súa conservación. É un desvío curto e ameno. Merece a pena!

Documentos relacionados...

Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba