A Estratexia nace da necesidade de mellora da competitividade do noso turismo, o cal pretende posicionarse coma sector clave da economía galega, sendo precisa a colaboración dos eidos público e privado para o seu impulso, coordinación, xestión, promoción, ordenación, innovación e internacionalización.

Liderada pola Axencia Turismo de Galicia e contando coa colaboración do Clúster de Turismo de Galicia, a Estratexia de Turismo de Galicia plasma o marco de traballo en materia turística para o período 2017-2020, tendo en conta as necesidades dos axentes de distintos ámbitos da cadea de valor do sector turístico galego.

Este documento alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 (PEG) e especificamente en materia de turismo, contribúe aos resultados que se pretenden conseguir dentro da prioridade de actuación PA 3.3 “Potenciación do turismo en Galicia a partir dun medio ambiente e cultura privilexiados” e ao obxectivo estratéxico OE 3.3.01: “Reforzar o atractivo turístico e situar a Galicia como destino único a través dun modelo máis competitivo, sustentable e adaptado aos cambios do mercado”.

A través desta estratexia incidirase na necesidade de aumentar o número de turistas nacionais e internacionais, equilibrando os seus pesos, así como o número de noites en establecementos regrados. É preciso incrementar a ocupación hoteleira e o gasto medio que deixa o turista.

Para facilitar a trazabilidade entre a Estratexia de Turismo de Galicia e o Plan Estratéxico de Galicia, nas diferentes fichas de actuación utilizáronse preferentemente os indicadores de produtividade previstos no PEG 2015-2020: “Accións de promoción de produtos turísticos”, “Accións de mellora sobre o Camiño de Santiago” e “Aumento do número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural e natural e atraccións subvencionadas”.

Igualmente alíñase coa estratexia de acción do Instituto de Turismo de España – Turespaña, organismo adscrito ao Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, que coa meta de contribuír ao aproveitamento do gran potencial xerador de benestar social que o turismo presenta e por iso, tomando sempre en consideración a sostibilidade económica, social e medio ambiental dos nosos destinos turísticos, pretente contribuír á creación de valor para o sector turístico a través da implementación dun Plan Estratéxico de Marketing orientado á mellora da rendibilidade do turismo internacional que visita España. Con este obxectivo, o devandito Plan diríxese á captación de dous segmentos específicos de consumidores de alta rendibilidade: os viaxeiros cosmopolitas dos mercados europeos de proximidade e os turistas de mercados afastados, ambos cunha contrastada capacidade de xerar un elevado nivel de ingresos por turismo en destino.

Esta nova Estratexia de Turismo de Galicia responde a:

  • Un proceso de traballo conxunto, liderado por Turismo de Galicia da man do Clúster de Turismo de Galicia.
  • Un plan participativo que contou coa colaboración de toda a cadea de valor do sector, cun amplo traballo de campo que axudou a soportar a diagnose realizada.
  • Unha análise estratéxica sostida polo ámbito científico da nosa comunidade.
  • A definición dun marco de traballo operativo para o período 2017-2020, revisado de forma periódica.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba