30 nov 2016

A directora de Turismo de Galicia e o paisaxista João Nunes supervisan os avances do Plan de actuación do Monte do Gozo

João Nunes, socio fundador e presidente de PROAP, destacou a importancia de recuperar o significado e simbolismo do Monte do Gozo para o Camiño e para a cidade de Compostela

A súa intervención busca simular o funcionamento da Ruta Xacobea traballando tanto coa paisaxe do parque como co seu simbolismo, intervindo nas miradas dos peregrinos e nas diversas vistas do espazo

Na súa visita, puideron comprobar as intervencións da orla central do parque onde xa se pode gozar dunha zona de estadía onde os peregrinos e cidadáns poderán pasar o seu tempo de lecer

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou o complexo do Monte do Gozo xunto co prestixioso paisaxista João Nunes, que se achegou a Galicia para comprobar os avances do Plan de actuación desenvolvido pola Xunta de Galicia para a súa adaptación ás necesidades actuais e convertelo, así, nunha referencia nacional e xacobea.

O plan constitúe unha actuación fundamental tanto para Compostela como para a Ruta Xacobea, posto que se trata de recuperar e pór en valor o parque de maior dimensión da cidade e a porta de entrada dos peregrinos a Galicia.

Coas intervencións contempladas no mesmo dotarase de nova vida a este amplo espazo de parque de Santiago de Compostela, revitalizando o seu valor referencial no mundo xacobeo pero tamén converténdoo nun espazo ao servizo dos cidadáns e dos turistas de Santiago de Compostela e de Galicia.

Durante a visita, na que participaron tamén a xerente de Turismo de Galicia, Elena Barca, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, os arquitectos do proxecto e representantes de Seaga —empresa encargada da súa execución—, Nava Castro destacou as intervencións da orla central do parque onde xa se pode gozar dunha zona de estadía con bancos, mesas para picnic, espazos de auga e sombras de árbores froiteiras onde os peregrinos e cidadáns poderán pasar o seu tempo de lecer.

Así mesmo, xa está en marcha a construción dunha piscina exterior, unha das actuacións previstas para habilitar unha área de relax na zona da lagoa, inmediata ao auditorio, un lugar que servirá de zona de descanso para os miles de peregrinos e turistas que pasan cada día polo Monte do Gozo e tamén un espazo para o gozo de calquera cidadán galego.

Así mesmo, na contorna da Capela de San Marcos realizáronse xa importantes modificacións que levaron consigo a naturalización dos camiños existentes e arroupamento do monumento a Xoán Paulo II con carballos transplantados que permitisen unha visión en continuidade coa carballeira da capela, a apertura de novos camiños cunhas pendentes máis accesibles e uns anchos máis acordes co uso peonil, a eliminación do aparcadoiro do lado da capela coa conseguinte modificación do percorrido dos autobuses, así como a creación de muros de pedra e zonas de estancia.

Por outra parte, tamén é destacable a adaptación da zona do Parque Inglés, concretamente a contorna da estatua dos peregrinos, onde se cambiou totalmente a forma de acceder ao dito monumento recuperándose a escala peonil e enfatizando a visión da cidade e a catedral. Así, esta zona do parque dispón agora dun carreiro en forma de anel practicamente sen pendente que o fará moi atractivo para a xente que queira practicar deporte, así como bancos de pedra que permitirán parar e observar a paisaxe.

João Nunes
O paisaxista do plan, João Nunes, é socio fundador e presidente de PROAP, un estudo de arquitectura da paisaxe que conta cunha recoñecida experiencia no ámbito da paisaxe e é profesor en diversas universidades internacionais. A súa intervención baséase na importancia de recuperar o significado e simbolismo do Monte do Gozo para o Camiño e para a cidade de Compostela.

O prestixioso paisaxista busca, así, simular o funcionamento do Camiño de Santiago traballando tanto coa paisaxe do parque como co seu simbolismo, intervindo nas miradas dos peregrinos e nas diversas vistas do espazo. Así mesmo, Joao Nunes fai fincapé no seu traballo en xerar unha simbiose de peregrinos e cidadáns no novo parque.

Arriba