07 dec 2016

Nava Castro destaca que o 2016 está a ser un ano histórico para o turismo na nosa Comunidade

A directora de Turismo de Galicia mantivo unha reunión co presidente do Clúster de Turismo de Galicia

Nava Castro afirma que o novo Plan estratéxico 2017 – 2020 posicionará Galicia como potencia turística internacional

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo unha reunión co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, para facer balance deste 2016, un ano está a ser histórico para o turismo na nosa Comunidade.

En declaracións aos medios, Nava Castro destacou que con máis de 1 300 000 viaxeiros internacionais, Galicia superou nos dez primeiros meses do ano o obxectivo marcado no Plan Integral de Turismo de Galicia para o 2016, de acadar os 1 250 000 viaxeiros estranxeiros.

Así mesmo, fixo referencia os máximos históricos rexistrados nos niveis de demanda turística, cun total de 4 510 191 viaxeiros aloxados e 9 237 819 pernoitas, e ao incremento experimentado polo turismo nacional que no que vai de ano acadou as cifras máis elevadas dos últimos seis anos.

A responsable de Turismo da Xunta de Galicia, sinalou ademais que en termos de ocupación, Galicia mellorou neste ano as súas cifras en todas as tipoloxías de aloxamento con subas superiores aos 3 puntos porcentuais.

Por outra parte, no referido ao ámbito xacobeo, destacou que o número de peregrinos que realizou o Camiño de Santiago neste ano 2016 superou xa a cifra histórica do último Ano Santo 2010 ao sumar máis de 275 000.

Con todo Nava Castro afirmou que “o sector turístico constitúe na nosa comunidade un dos sectores máis activos e con maior capacidade de desenvolvemento da economía galega ao representar máis do 11 % do total do PIB da comunidade e o 12% do emprego”.

Plan estratéxico de Turismo de Galicia 2017–2020


A directora de Turismo de Galicia explicou que para continuar superando estas cifras e seguir impulsando este sector estratéxico para Galicia se está a traballar da man do sector na elaboración do Plan estratéxico de turismo de Galicia 2017 – 2020.

Segundo sinalou, a través deste, estase a realizar unha fidedigna análise do sector e o seu diagnóstico e definindo as liñas estratéxicas que se van seguir e os seus indicadores, así como cuantificando as medidas de actuación.
Neste senso, destacou que, para a elaboración do dito plan, foron xa celebradas un total de 30 mesas de traballo que contaron coa participación de máis de 300 persoas, foron realizadas 80 entrevistas individuais e contestadas 300 enquisas.

“Este novo plan marcará as liñas estratéxicas que contribuirán a continuar posicionando Galicia como potencia turística internacional e ao turismo como sector clave na nosa economía” concluíu Nava Castro.
 

Arriba