05 xan 2017

Nava Castro visita as obras do mosteiro de San Clodio de Leiro que o converterán no primeiro spa de viñoterapia de Galicia

O establecemento constará de vestiarios, tres salas de masaxe, dúas individuais e unha dobre, con tratamentos específicos de viñoterapia; unha sala de relax, unha sauna, un baño de vapor, duchas de contrastes, spa-piscina de 40m2 e zonas de descanso

A actuación permite, ademais, garantir a recuperación íntegra do inmoble e o emprego das súas instalacións para poñer en valor e difundir os recursos turísticos asociados á auga termal e ao viño

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitaron hoxe as obras de rehabilitación do mosteiro de San Clodio de Leiro destinadas a converter a nave lateral deste edificio histórico no primeiro spa de viñoterapia de Galicia.

Nava Castro lembrou que neste novo servizo turístico empregaranse produtos derivados da uva e do viño, entre outros elementos, para distintos tratamentos termais que formarán parte da oferta actual do Hotel Monumento de San Clodio.

Así, manifestou a directora de Turismo de Galicia que “este novo spa de viñoterapia será de gran atractivo, por un lado polo tipo de tratamentos que nel se ofrecerán e, por outro, pola súa propia arquitectura”. “Os usuarios gozarán do descanso nun edificio de máis de 500 anos de historia”, engadiu.

Este novo establecemento constará de vestiarios, tres salas de masaxe, dúas individuais e unha dobre, con tratamentos específicos de viñoterapia; unha sala de relax, unha sauna, un baño de vapor, duchas de contrastes, spa-piscina de 40m2 e zonas de descanso.

Aposta polo termalismo

Segundo manifestou Nava Castro, a actuación permite, ademais, garantir a recuperación íntegra do inmoble e o emprego das súas instalacións para poñer en valor e difundir os recursos turísticos asociados á auga termal e ao viño.

“Esta iniciativa reforza, así, a aposta de Turismo de Galicia polo termalismo, que constitúe un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico da comunidade galega”, engadiu a directora do departamento de Turismo da Xunta.

Nava Castro explicou que o termalismo destaca notablemente na nosa comunidade tanto pola súa abundancia como pola súa calidade e singularidade constituíndo así, “unha vantaxe diferenciadora e competitiva respecto a outros destinos tanto a nivel nacional como internacional”.

“A nosa comunidade –lembrou- atesoura máis de 300 captacións catalogadas, existindo unha afloración mineiro-medicinal por cada 10.000 habitantes o que a sitúa como segundo destino europeo en potencial termal, só por detrás de Budapest”.

Deste xeito, explicou Nava Castro, “desas máis de 300 captacións de auga mineral, máis dunha vintena teñen a cualificación de balneario, polo que Galicia ocupa a primeira posición a nivel nacional ao acoller preto do 20% dos establecementos balnearios do país”.

A directora de Turismo de Galicia lembrou que a comunidade galega é líder tamén en relación á calidade, “ao atesourar o maior número de establecementos termais distinguidos coa Q de calidade do Estado”.

Por todo isto, manifestou que “o turismo termal en Galicia é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade, con maior capacidade de desestacionalización da demanda, con poder para a captación de máis segmentos de público e de gran atractivo para a articulación da oferta turística combinada con outros produtos”.

Plan termal

Por último, a directora de Turismo de Galicia referiuse ao Plan termal, no que se inclúen as obras de rehabilitación e acondicionamento da nave lateral do mosteiro de San Clodio para a súa conversión nun spa de viñoterapia.

Nava Castro explicou que a través deste Plan “estamos a impulsar o sector turístico termal da provincia de Ourense consolidando e fortalecendo así, o posicionamento de Galicia como destino termal global”.

Deste xeito, engadiu, “nos dous anos de execución xa están finalizadas máis do 40% do total de actuacións previstas neste Plan dotado de case 6 millóns de euros”.

A directora de Turismo de Galicia tamén se referiu a outras iniciativas levadas a cabo no marco do Plan termal como son a recuperación do balneario de Cortegada -inaugurado xa no pasado ano 2015-, o aumento da capacidade da oferta de aloxamento en Verín mediante a conversión da acrópole de Monterrei en Parador, a creación de novas rutas turísticas como a Ecovía fluvial do Támega ou a ruta do río Caldo, a sinalización das Vilas Termais, oi nicio dos traballos para a clasificación e definición da oferta termal o desenvolvemento do programa senior termal e a redacción do Plan do Termalismo de Galicia.

Arriba