11 xan 2017

A directora de Turismo de Galicia presenta a guía ‘Lugares Xacobeos en Compostela e a súa contorna’

O obxectivo é facer, a través das súas máis de 40 páxinas, un repaso polos numerosos vínculos xacobeos que acolle a meta do Camiño de Santiago e os seus municipios veciños

A publicación propón un total de dezaseis itinerarios a través dos cales coñecer máis de preto o fenómeno xacobeo e a orixe do Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde do concello de Padrón, Antonio Fernández, presentaron no dito municipio coruñés a guía ‘Lugares Xacobeos en Compostela e a súa contorna’.

No acto, a responsable de Turismo da Xunta de Galicia explicou que se trata dunha publicación que recolle os lugares máis importantes ou singulares relacionados co mundo xacobeo. “Monumentos e recunchos que con esa maxia especial perduran no recordo dos miles de peregrinos que cada ano realizan esta ruta de peregrinación”, engadiu.

Segundo sinalou Nava Castro, o obxectivo desta guía é facer, a través das súas máis de corenta páxinas, un repaso polos numerosos vínculos xacobeos que acolle a meta do Camiño de Santiago e os seus municipios veciños.

Así, a directora de Turismo de Galicia indicou que esta publicación propón un total de dezaseis itinerarios a través dos cales coñecer máis de preto o ámbito xacobeo e a orixe do Camiño de Santiago.

“Unha documentada guía que permite, deste xeito, afondar neste fenómeno universal a través da visita á capital galega e a súa contorna”, concluíu Nava Castro.

Lugares destacados

A guía, en primeiro lugar, propón unha viaxe polas antigas portas da cidade de Santiago, Bonaval e Santa María do Camiño para continuar por Casas Reais, a Quintana e Antealtares.

O terceiro itinerario que nos ofrece esta publicación informativa céntrase na propia Catedral de Santiago de Compostela para dar paso a continuación ás entradas e fachadas da Basílica, aos espazos catedrálicos máis ligados á peregrinación xacobea, e ao gran salón de Europa, a Praza do Obradoiro. De alí, nos leva do Convento Franciscano ao Mosteiro de San Martiño Pinario e de Mazarelos a Solovio.

Así mesmo, dedica un dos seus apartados a Santiago e os seus peregrinos nas rúas de Compostela, outro á Alameda, e un máis a Santa María do Sar, Santa María do Conxo e o Castelo da Rocha Vella.

Xa aloxados do centro de Compostela, a guía afonda no vínculo xacobeo do Monte do Gozo para finalizar abordando nos seus últimos apartados a importancia da contorna de Santiago co Monte Pedroso, o Pico Sacro e Iria Flavia e finalizar con Santiaguiño do Monte e Padrón.

Arriba