Promoción do turismo sustentable cultural, relixioso e patrimonial vinculado ás rutas marítimas e interiores a Compostela a través de dous eixos fundamentais: a posta en marcha de Axendas 21 turísticas e a creación dunha rede de rexións atlánticas que desenvolva produtos turísticos

Ultreia

O Camiño de Santiago foi declarado o Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa en 1987 e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1993; posteriormente, no ano 2004 foi galardoado co premio Príncipe de Asturias á Concordia, o que fai que sexa un referente no ámbito Europeo. O Camiño de Santiago é ademais, un itinerario histórico de dimensións europeas que se estende por case todo o continente agrupando as súas rutas a medida que se aproxima a Compostela.

As rexións europeas representadas neste proxecto constitúen un exemplo claro de como o Camiño de Santiago constitúese como unha ruta de peregrinaxe que exerce de nexo de unión entre as nacións e os pobos europeos, e, especialmente entre aqueles que constitúen a área Atlántica.

O obxectivo xeral do proxecto ULTREIA é promover o turismo sustentable cultural, relixioso e patrimonial vinculado ás rutas marítimas e interiores a Compostela a través de dous eixos fundamentais: a posta en marcha de Axendas 21 turísticas e a creación dunha rede de rexións atlánticas que desenvolva produtos turísticos nun marco atlántico cultural común vinculado ás peregrinacións marítimas e de interior a Compostela. Preténdese desenvolver un turismo sustentable contando coa participación da cidadanía dos territorios socios así como con axentes sociais, turísticos, económicos e coas autoridades locais respectivas de forma que se responda ás necesidades específicas de cada territorio.

Este obxectivo preténdese alcanzar a través da implementación de Axendas 21 turísticas de carácter local e crear unha rede de traballo transnacional ao redor das rutas de peregrinaxe que dinamice o desenvolvemento turístico das áreas polas que discorren estas rutas como forma de desenvolvemento local. Para a consecución deste obxectivo en todos os territorios socios do proxecto, planeouse o desenvolvemento dunha serie de produtos conxuntos e de carácter transnacional. Deste xeito aprovéitanse as sinerxías entre os socios para a difusión e promoción turística conxunta.

A través da valorización e difusión turística preténdese crear as condicións óptimas para o fortalecemento do tecido económico rexional, a creación de emprego, a estimulación dos potenciais endóxenos e de factores de competitividade no contexto transnacional no que se circunscribe o proxecto ULTREIA e que ao mesmo tempo se conserven e valoricen os recursos culturais e turísticos e a súa identidade específica. Neste sentido o proceso de elaboración da Axenda 21 nos territorios socios do proxecto servirá como vector de vertebración e de cohesión entre os socios, tanto no plano institucional como social, ao constituírse nun foro transnacional de reflexión e construción de consensos estratéxicos para a articulación dun modelo de turismo sustentable no marco atlántico, vinculado ao Camiño de Santiago. Este proceso aséntase no establecemento de espazos de diálogo local no plano político, técnico e cidadán e na construción de dinámicas específicas de cooperación.

Estas actuacións apóianse no aumento da masa crítica territorial e a xeración de sinerxías mediante a cooperación transnacional, focalizada no ámbito dunha xestión sustentable dos recursos turísticos nun marco cultural atlántico común. O proxecto responde á necesidade de apoiar a necesaria diversificación da economía aproveitando os recursos culturais para ofertar un produto turístico singular. Nese sentido búscase fomentar unha maior visibilidade exterior da área de actuación, crear sinerxías na capacidade de captar visitantes, crear infraestruturas que valoricen o patrimonio, propón novos produtos turísticos e, en definitiva, procura facer do territorio unha boa base competitiva para as empresas do sector turístico.

A creación dunha rede transnacional - marco atlántico cultural (onde os socios poidan intercambiar experiencias, abrir oportunidades de negocio conxuntas e interactuar con outras entidades), é unha actividade en si mesma que achega un importante grao de innovación ao proxecto, non só en canto ao uso das NTIC senón tamén como experiencia nova de creación e xestión conxunta de infraestruturas e metodoloxías de xestión de carácter transnacional, que servirán para integrar esforzos nas rexións implicadas no proxecto.

LIGAZÓNS RELACIONADAS...

Arriba