Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Patrimonio oculto > Itinerarios > Engadir á "Miña viaxe"
Petróglifos, dólmens e castros

DESTINOS

Petróglifos, dólmens e castros

Fai unha viaxe ao pasado. Unha máxica. En Galicia podes...

Ría de Vigo e Baixo Miño

XEODESTINO

Ría de Vigo e Baixo Miño

A marxe sur da ría de Vigo é unha sucesión de grandes praias de area dourada e de recolectos portos...

Patrimonio oculto

Castros, muíños e sambenitos

Esta ruta acompaña o río Miño e a historia que corre paralela ás súas augas ata o lugar onde as tributa ao mar, para ascender logo polo rectilíneo treito da costa galega máis meridional.

Interésache!

  • Inicio: Tui
  • Fin: Mondariz-Balneario
  • Xornadas: 2
  • Km (aprox): 125 Km
Nos poboados castrexos de Santa Tegra e de Troña evocaredes a vida dos nosos antepasados. 

Os rituais de fertilidade estiveron vinculados á ponte románica da Ramallosa e ao río Miñor ata hai uns anos.

Percorrido - Día 1º

Principiamos a nosa ruta pola monumental e histórica vila de Tui, situada xusto no extremo interior do esteiro do río Miño.

No pasado, foi a capital dunha das sete provincias galegas ata que se fixo a repartición actual, importante asentamento en todas as épocas da historia e tamén branco de asedios pola súa situación estratéxica.

Ampliar

De feito, no auxe da Idade Media, foi centro relixioso, económico, militar e comercial do sur de Galicia. Durante este esplendor, comezou tamén a construción da catedral no alto da cidade, que se demorou ata o século XIV. O mellor premio a un relaxante paseo polo seu centro histórico é precisamente visitar a mencionada sé, coñecida como a catedral-fortaleza de Santa María de Tui , chamada así polo seu carácter defensivo. Aquí atoparédesvos de fronte coa porta occidental do templo. Esta entrada, tallada no s. XIII, é a composición iconográfica máis importante da arte gótica galega. Este estilo e o románico distínguense ben no interior da catedral, como consecuencia da duración das obras. O seu claustro, outra xoia do gótico galego, é un dos poucos de orixe medieval que se atopan enteiros en Galicia. Rematade o paseo cunha espléndida vista desde a torre dos Soutomaior. E, se durante o percorrido, vistes algunha fenda nas bóvedas, non vos preocupedes, levan aí dende o terremoto de Lisboa no 1775.

De volta ao exterior, no lado norte da catedral, entrade no Museo Diocesano de Tui para atopar uns curiosos obxectos que é posible que vos dean arrepíos: trátase da única colección de “sambenitos” que se conserva en España. O termo procede de "saco bendito", que era unha especie de grande escapulario con forma de poncho que utilizaba a Inquisición para humillar os condenados por delitos relixiosos. Os reos eran paseados descalzos, ataviados co sambenito e portando un cirio aceso. A miúdo, trala execución da sentenza, o sambenito expoñíase publicamente para que servise de exemplo e escarnio para a familia do reo, de aí vén a coñecida expresión “colgar o sambenito”.

A camiñada continúa baixando relaxados cara ao río, entre estreitas canellas medievais que fan de miradoiro entre parede e parede. Rodeados de casas fidalgas, albiscaredes a ponte internacional que une Galicia con Portugal e pola que pasa o cara a Santiago de Compostela. Pareceravos que estades noutra época e entenderedes por que Tui foi declarada Conxunto Histórico Artístico. Antes de abandonar a zona vella, entrade nas tabernas e mesóns para saborear a gastronomía galega e, sobre todo, as angulas do Miño que contan coa súa propia festa gastronómica durante a festividade de San Telmo, coincidindo coa Pascua.

Continuamos a nosa ruta, pola parte galega da desembocadura do Miño, cara a Tomiño para visitar a Fortaleza de Goián ou de San Lourenzo. Este recinto forma parte dun conxunto de construcións defensivas a ambas as beiras do Miño, na chamada Raia Húmida. Todas están datadas na Época Moderna e son froito da Guerra de Independencia de Castela iniciada por Portugal en 1640. En concreto, a de Goián está situada enriba do primitivo Forte da Barca. Aínda que de pequena dimensión, presenta unha estrutura perfecta e simétrica.
Antes de dirixirnos cara á Guarda, paga a pena facer un alto no camiño para visitar o conxunto etnográfico dos muíños de Folón e de Picón, no municipio do Rosal. Se tedes tempo, facede o percorrido de 3,5 km que une os 67 muíños hidráulicos dos s. XVII e XVIII e mirádeos en perspectiva, coa súa disposición en escaleira para aproveitar a forza da auga.
Chegando agora ao concello da Guarda, rematamos esta primeira xornada visitando o extremo máis suroccidental de Galicia. Este municipio, xunto co do Rosal, atópase no esteiro do Miño, unha extensa zona húmida de gran valor ecolóxico que divisaredes ben desde o castro de Santa Tegra, situado preto do cumio do monte. Só con poñer os pés neste recinto recrearedes a vida dos nosos antepasados. Algúns dos restos escavados foron recuperados, como os castros de planta circular nos que se aprecia a distribución das vivendas prehistóricas co seu típico teito vexetal. Tamén hai casas rectangulares, con esquinas redondeadas, por influencia dos romanos. Aínda que vos pareza un poboado caótico, hai unha orde lóxica arredor de “unidades familiares”, que vos poderiades animar a descubrir. Así como os petróglifos que hai nos arredores e dentro do recinto, ou a Pedra Furada, unha gran rocha oca cunha fiestra natural. Ata cinco mil persoas puideron vivir aquí. Tiñan una economía autónoma e tamén elaboraban cerámicas, xoias, tecidos e instrumentos aos que poderedes poñerlles forma no museo arqueolóxico que se atopa na vila.
O broche final a esta xornada podemos poñelo vendo atardecer nalgunha das terrazas da vila mentres degustamos unha fresca lagosta, cuxa festa gastronómica se celebra en xullo.
Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba