O Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe esténdese entre O Cebreiro, punto de entrada do Camiño de Santiago en Galicia, e o río Sil polo sur, pero sen chegar a tocalo. Vén sendo unha das terras máis vellas da península. 

O seu interese xeolóxico é manifesto: multitude de covas vivas e gateiras ou o espectacular pregamento de Campodola (Quiroga), cualificado como un dos monumentos xeolóxicos de Europa.

Terras do lobo, cavorcos do xabaril...

O Courel é a gran reserva verde de Galicia. Todas as especies, agás as litorais, teñen representación neste cruce xeográfico de montaña, co mellor das características atlánticas e mediterráneas. Castiñeiros ao redor das aldeas e un reduto das oliveiras en Quiroga. As formacións boscosas típicas do Courel son as devesas, nome empregado para se referir ás fragas de moitas outras especies vexetais, xeralmente nas cabeceiras dos ríos.

Eiquí síntese ben pouco o que é un home...

Continúa o canto á beleza natural dos versos do seu poeta nacional Uxío Novoneyra. A escasa poboación destas paraxes, onde conflúen as provincias de Lugo e Ourense coa comarca leonesa do Bierzo, é na actualidade unha das máis envellecidas de Europa. Pero a vida respira verdadeira diversidade e historia nos entalados vales dos ríos Lor e Lóuzara, Selmo e Sondón. Sobre as abas verdes descóbrese esoutro patrimonio do Courel que son as súas aldeas de lousa, o corazón da serra. De Romeor a Froxán e da Ferrería a Ferramulín, os catro puntos cardinais.

Natureza senlleira

Cumes adscritos aos piornais e en xeral con predominio do monte baixo tamén de uces e xesteiras. Bosques nas altitudes medias de carballos, bidueiros, faias. Masas frondosas ben conservadas e salientables como a Devesa da Rogueira.

Abondosa fauna con máis de 170 especies de vertebrados: lobos, raposos, xabarís, teixugos, martas… Interesantes colonias asociadas ás simas e covas.

Datos de interese

Situación
Extremo sur-oriental da provincia de Lugo. Concellos das Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Samos, Triacastela, O Incio, A Pobra do Brollón, Quiroga e Ribas de Sil.

Superficie
LIC "Ancares-Courel" 102.438,90 ha.

Acceso

  • Atravesa O Courel de norte a sur a estrada LU- 651.
  • Desde o norte chégase a ela na baixada do Cebreiro na LU-633 Pedrafita-Sarria.
  • Desde o sur, desvío en Quiroga na N-120 Ponferrada-Ourense.

Servizos

  • Aloxamento: Si.
  • Comer: Si.

Equipamentos
Aula da Natureza de Moreda do Courel (Folgoso do Courel).

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!