Ancares é nome orixinal de río que prestou a súa sonoridade ás montañas máxicas entre Galicia e León. Exercen o seu magnetismo desde lonxe, prendidas de horizontes a dous mil metros escasos. Éntrase nelas cun especial estado de admiración e respecto, por camiños que buscan os cumes abeirados a estreitos e fondos vales.

Nas poboacións máis altas descubriremos as pallozas, ancestrais construcións de planta circular e teito de palla mallada. Semella que as súas formas curvas pero rexas se inspiran nos cumes das montañas, suaves e agrestes.

Os ríos que descenden pola vertente galega todos buscan o Navia, que cingue completamente o espazo protexido polo oeste e conduce as augas cara ao Cantábrico. Un bo exemplo é o fermoso val labrado polo río Ser ou as gargantas do río Rao, no concello de Navia de Suarna. A vertente leonesa, pola contra, desauga cara ao sur, á conca do Sil.

A declaración dos Ancares como Reserva da Biosfera en Galicia e Castela e León supón a súa incorporación como unidades da próxima Gran Cantábrica, toda unha sucesión de espazos naturais de alto valor ambiental no norte da península. O oso pardo, o seu símbolo máis recoñecido, ten tamén este extremo lugués como zona de paso.

Natureza senlleira

Monte baixo cobre gran parte das abas orientais. Importantes colonias arbustivas pola produción de bagas como os acivros e arando. Abundan os soutos e as carballeiras.

Na fauna cómpre unha mención ás especies emblemáticas que non se achan noutras partes de Galicia como o oso pardo ou a pita do monte que tivo aquí os últimos cantadeiros da comunidade. Proliferan os xabarís, corzos, cervos, coellos.

Datos de interese

Situación
Leste da provincia de Lugo limítrofe con León. Inclúe os concellos de Cervantes, Navia de Suarna e parte do municipio de Becerreá.

Superficie

  • Ancares lucenses: 53.664 hectáreas.
  • Ancares leoneses: 56.786 hectáreas nos municipios de Candín, Peranzanes, Vega de Espinareda e Villafranca del Bierzo.

Acceso

  • Autovía A-6 e N-VI ata Becerreá.
  • A estrada LU- 722 comunica coa Pobra en Navia de Suarna e posúe os principais desvíos cara á serra.

Servizos

  • Aloxamento: Si.
  • Comer: Si.

Máis información
Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES). Tel.: 982 227 812.

Equipamentos

  • Centro de Interpretación e Xestión da Reserva Nacional de Caza dos Ancares (Campo da Braña)
  • Aula da Natureza en Campa da Braña- Degrada (Cervantes) Tel.: 982 181 252

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!