Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Patrimonio oculto > Itinerarios > Engadir á "Miña viaxe"
Ría de Vigo e Baixo Miño

XEODESTINO

Ría de Vigo e Baixo Miño

A marxe sur da ría de Vigo é unha sucesión de grandes praias de area dourada e de recolectos portos...

Ría e Terras de Pontevedra

XEODESTINO

Ría e Terras de Pontevedra

As terras da ría de Pontevedra están marcadas pola súa tradición mariñeira...

Patrimonio oculto

De pedra en pedra polo sur de Galicia

A través desta ruta, podes facer un percorrido polas pedras máis antigas de Galicia, coñecendo impresionantes petróglifos, muíños, cruceiros, hórreos, algún que outro castelo e incluso un menhir!

Interésache!

  • Inicio: Mondariz
  • Fin: Cerdedo
  • Xornadas: 2
  • Km (aprox): 140 Km
Campo Lameiro está considerado un dos parques arqueolóxicos máis grandes de Europa e o meirande do noroeste peninsular.
 
O Castelo de Sobroso é sede do Museo do Traxe Galego e museo etnográfico. Alí poderedes ver como era a vida dos nosos antepasados e entender mellor a nosa cultura.
Museo do Castelo de Sobroso (horario de visitas): De martes a venres de 10:00 a 13:00 horas. Sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.
 
Centro arqueolóxico de Tourón: Aberto unicamente para visitas concertadas. Pódense facer por teléfono (986 767 235), correo electrónico (centroarqueoloxicotouron@pontecaldelas.org) ou a través da Oficina de Turismo de Ponte Caldelas.

Percorrido - Día 1º

As trinta hectáreas que ocupa o bosque de Sobroso van ser a primeira e ampla vista que nos ofreza esta ruta, para despois centrar a visión no Castelo de Sobroso que, o mesmo que a fraga, recibe o seu nome dunha árbore que medra neste lugar, a sobreira.

Ampliar

A orixe desta fortaleza remóntase ao século IX, cando Bermudo II se refuxiou nela durante a batalla de Portela Arenaria, hoxe Vilasobroso, a vila que se ve de fronte. Desde aquela, Sobroso foi testemuña muda das vicisitudes de múltiples personaxes históricas de Galicia, sobre todo polo seu papel de bastión militar, que acabou perdendo. Polos seus corredores andaron os Condes de Galicia en 1095, dona Urraca e don Raimundo de Borgoña; os “irmandiños” durante as revoltas que destruíron o castelo na segunda metade do século XV; ou Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, que o reconstruíu despois…

Actualmente, este baluarte defensivo é sede do Museo do Traxe Galego e museo etnográfico. Paseade polos corredores e salas para ver, nunha exposición permanente, como era a vida dos nosos antepasados e entender mellor a nosa cultura. Veredes a cociña, cos seus utensilios e a lareira, as estancias nobres, os dormitorios coas súas colchas de liño, antigo traballo artesanal ao que se lle dedica parte da exposición, igual có de cesteiros, zoqueiros, telleiros, carpinteiros…
No percorrido polo contorno, descubriredes que a fortaleza está composta por tres estruturas de diferentes alturas, sobrepostas unhas ás outras que lle dan un aire impoñente. Xa no camiño de volta, se queredes facer un descanso, aproveitade para explorar o arborado do bosque no que conviven preto de 40 especies diferentes, sobre todo carballos e outras asociadas a climas mediterráneos coma a sobreira, o érbedo e as lauráceas. Tamén hai zonas recreativas e fauna en semiliberdade.
Dirixímonos agora ao corazón do concello de Ponte Caldelas para ir un pouco máis atrás na liña da historia. Na Área Arqueolóxica de Tourón atoparedes un dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares de Galicia. Guiádevos polos sinais distribuídos para visitar as cinco estacións onde ver os petróglifos e os gravados sobre a rocha, que datan do Neolítico final-Idade de Bronce. Despois, achegádevos ao Centro Arqueolóxico para ver como se interpretou a paisaxe da época.
Da arte castrexa daremos agora un salto á arte tradicional da nosa terra representada nos muíños de auga. No Rego do Portiño, afluente do río Maior ao seu paso polo municipio de Vilaboa, atoparedes os muíños de Riomaior. Un pequeno, e non moi longo sendeiro, levaravos dun a outro. Son 34 e case todos rehabilitados, acompañados da máxica corrente de auga e de pequenas fervenzas, ata chegar ao último, chamado Muíño de Miguel Lois. De volta, subide polas mesmas pasarelas, pontes e escaleiras de madeira mentres a sombra e a frescura da vexetación vos alivia os pasos.
Podedes aproveitar para xantar nalgún dos establecementos do porto de Vilaboa, con vistas á ría: o peixe fresco e os mariscos son os protagonistas indiscutibles dos seus máis saborosos pratos.
Achegámonos agora cara á costa da ría de Vigo para cruzar a enseada de San Simón ata a península do Morrazo, onde visitaremos o cruceiro de Hío, no municipio de Cangas. Pero antes, aproveitade o camiño para subir ao cumio do Monte Facho de Donón, onde vos atoparedes de novo coa arte rupestre nun antigo castro galaico, con restos do século X a. C. E incluso vos poderedes deleitar uns instantes coas nítidas vistas da costa que acabades de deixar atrás. Cara ao horizonte descubriredes o perfil das illas Cíes, protexendo a ría, e o cabo Home, a punta do continente da que están máis preto.
Do Conxunto Monumental do Hío tamén forma parte a igrexa do mesmo nome, na que identificaredes varios estilos arquitectónicos e formas, como as bóvedas, que recordan ao mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. Pero, sen dúbida, a peza máis importante do conxunto é o orixinal cruceiro barroco de finais do século XIX, considerado un dos máis importantes de Galicia. Fronte a el, cada 16 de agosto tras finalizar a misa, interprétase a tradicional “Danza de San Roque” ou “Dos Peregrinos”, do s. XIV e declarada de Interese Turístico Galego.
O noso camiño levaranos agora cara á costa da ría de Pontevedra, en concreto ao municipio de Marín, para atoparnos cos petróglifos do Labirinto de Mogor, moi preto da praia do mesmo nome. Aínda se conservan algúns exemplares con forma de conxuntos de círculos concéntricos asociados entre si, coma un labirinto. Hai varias interpretacións sobre o seu significado. Unhas din que son obra dun mesmo pobo navegante que colonizou o oeste europeo no Neolítico, outras que son un calendario prehistórico ou mesmo que o conxunto non obedece a unha razón práctica de medir o tempo, senón sagrada, artística e simbólica. Calquera que sexa a explicación, axeónllate e percorre cos dedos as liñas marcadas na pedra para sentir o peso do Historia.

A mellor fin para esta xornada é contemplar o solpor dende o paseo marítimo da praia de Mogor.

Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba