28 nov 2016

‘Un caderno no Camiño’ continúa dando a coñecer o Camiño de Santiago aos alumnos de primaria dos municipios xacobeos

O Colexio de Educación Infantil e Primaria O Coto, en Negreira, acolleuo proxecto promovido por Turismo de Galicia

O obxectivo é que os máis pequenos descubran o Camiño de Santiago e a peregrinación así como a importancia deste recurso turístico como fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica

A iniciativa visitará un total de 20 municipios galegos por onde pasan os distintos itinerarios xacobeos 
 

O Colexio de Educación Infantil e Primaria O Coto, en Negreira, acolleu a iniciativa Un caderno no Camiño, un proxecto promovido por Turismo de Galicia que ten como obxectivo que os máis pequenos descubran o Camiño de Santiago e a peregrinación, así como a importancia deste recurso turístico como fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica.

Así, deron a coñecer aos alumnos de primeiro ciclo de primaria deste municipio, polo que transcorre a Ruta Fisterra-Muxía, a Ruta Xacobea a través da historia de Sophie, unha nena francesa que nas vacacións de verán emprende a peregrinación a Compostela acompañada do seu avó galego.

A acción inclúe unha publicación dixital interactiva, Sophie no Camiño e dous cadernos de actividades, un para os alumnos e outro para os docentes.

O libro interactivo conta a historia de Sophie e as vivencias que experimenta no verán no que realiza o Camiño Francés a Santiago acompañada do seu avó. Así mesmo, describe aspectos da historia, costumes, gastronomía e patrimonio que rodean á Ruta Xacobea. A publicación contén as aventuras literarias das personaxes e está enriquecida con fotografías, debuxos, mapas e hipervínculos para acceder a información adicional.

O caderno de actividades dirixido aos alumnos amplía os contidos do libro con documentación sobre recursos culturais, artísticos, patrimoniais, gastronómicos e naturais dos lugares polos que pasan os peregrinos na realización do Camiño. Pola súa parte, o caderno para docentes propón diferentes traballos para realizar cos alumnos na aula.

Municipios xacobeos

A actividade desenvolveuse xa en escolas de dez municipios galegos polos que transcorren diferentes itinerarios da Ruta Xacobea, concretamente nos concellos de Boimorto, Barreiros e Abadín, en canto ao Camiño do Norte; en Guntín e Baleira, no Camiño Primitivo; en Arzúa, no Camiño Francés; Toques, no Camiño Primitivo; Mesía, no Camiño Inglés; e en Portas, no Camiño Portugués.

Neste mes visitará, así mesmo, os municipios de Friol, no Camiño Primitivo; Guitiriz, Begonte e Mondoñedo, no Camiño do Norte; e Laza, na Vía da Prata, entre outros.

En total serán vinte municipios galegos polos que transcorren as Rutas Xacobeas na nosa comunidade os que participarán nesta iniciativa de Turismo de Galicia.

Arriba