23 xan 2017

O Consello da Xunta dá o visto e prace a un paquete de premios e axudas, dotado con 1,5 millóns de euros, para seguir mellorando o potencial turístico de Galicia

Este paquete consta dos premios Galicia Parabéns e Camiño de Santiago e de dúas liñas de axudas para promover as nosas Festas de Interese Turístico e para axudar aos municipios turísticos e xeodestinos a contratar persoal

Os premios Galicia Parabéns, dotados con 800.000 euros, son unha das grandes novidades deste ano e buscan distinguir aquelas iniciativas públicas dos pequenos concellos destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos de poboación e os Camiños de Santiago

Os Premios Camiño de Santiago, dotados con 75.000 euros, focalízanse no principal imán turístico de Galicia

Destinaranse 300.000 euros á liña de axudas para promover as festas de interese turístico da comunidade. Estas axudas, das que no 2016 se beneficiaron 85 concellos, sufragarán parcialmente os investimentos para apoiar as festas declaradas de interese turístico de Galicia, 112 na actualidade

Ponse en valor a liña de axudas para que os concellos que contan coa declaración de municipios turísticos contraten persoal para as oficinas de turismo entre xuño e setembro, que estará dotada tamén con 300.000 euros
 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o Consello da Xunta deu o visto e prace a un paquete de premios e axudas, dotado con 1,5 millóns de euros, para incentivar o desenvolvemento turístico de Galicia, que no 2016 bateu récords de peregrinos e visitantes.

Segundo sinalou o xefe do Executivo autonómico, este fito non leva ao Goberno galego á autocompracencia senón que o estimula a seguir batendo as súas propias plusmarcas neste 2017 que comeza.

Por iso, a Xunta impulsa este paquete, que consta dos premios Galicia Parabéns; dos premios Camiño de Santiago; dunha liña de axudas para promover as nosas Festas de Interese Turístico; e doutra liña de subvencións para axudar aos municipios turísticos e xeodestinos a contratar persoal.

Galicia Parabéns
Trátase dunha das grandes novidades deste ano. Buscan distinguir aquelas iniciativas públicas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos de poboación e os Camiños de Santiago de Galicia. Deste xeito, estes galardóns conseguirán avanzar na mellora da paisaxe de Galicia e da integración harmónica dos elementos arquitectónicos nela; aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores da paisaxe e da calidade estética das construcións; e fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.

Segundo sinalou Feijóo, estes premios contan cunha dotación total de 800.000 euros, divididos a partes iguais entre as súas dúas categorías: a primeira premiará iniciativas xa realizadas nos últimos dez anos, que necesiten unha nova fase ou un proxecto complementario; a segunda distinguirá proxectos novos.

Premios Camiño de Santiago
O segundo elemento deste paquete, os Premios Camiño de Santiago, está dotado con 75.000 euros e focalízanse no principal imán turístico de Galicia. Para iso, distinguen aquelas iniciativas públicas e privadas que se desenvolvan en Galicia e se destinen a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas xacobeas; a crear novos servizos aos peregrinos ou innovar e mellorar os existentes; e a divulgar e promover o Camiño de Santiago, a cultura xacobea, o seu patrimonio e a súa conservación.

Segundo precisou Feijóo, estes premios constan de catro categorías: a primeira, destinada ás entidades locais polas que pase a Ruta Xacobea; a segunda, para as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; a terceira, para as persoas físicas e xurídicas que entren na definición de peme; e a cuarta, para as iniciativas académicas, investigadoras e divulgativas.

Festas de Interese Turístico
En terceiro lugar, promoverase unha liña de axudas de 300.000 euros para promover as festas de interese turístico da comunidade. Estas axudas, das que no 2016 se beneficiaron 85 concellos, sufragarán parcialmente os investimentos para apoiar, promover ou difundir as festas declaradas de interese turístico de Galicia, 112 na actualidade. Non poderán acceder a esta axuda as celebracións que, ademais da declaración de interese turístico autonómico, conten coa declaración de festa de interese nacional ou internacional.

Municipios turísticos e xeodestinos
Por último, a Xunta volve convocar a liña de axudas para que os concellos que contan coa declaración de municipios turísticos contraten persoal para as oficinas de turismo entre xuño e setembro.

Este ano destinaranse 300.000 euros a esta convocatoria, que conta coa novidade de que tamén poderán beneficiarse dela os 18 xeodestinos e subxeodestinos de Galicia.
 

Arriba