10 xul 2017

Galicia acollerá a homenaxe a Miguel de la Quadra-Salcedo que os membros da Ruta Quetzal realizarán en outubro

Turismo de Galicia e os responsables do proxecto asinan un convenio para acoller o encontro con centos de expedicionarios que lembrarán o legado do aventureiro

 
O acordo permitirá que os participantes na cita coñezan os atractivos históricos, culturais e naturais de Galicia e algúns dos seus enclaves máis significativos
 

 Galicia acollerá no próximo mes de outubro a homenaxe que centenares de membros de Ruta Quetzal realizarán a Miguel de la Quadra-Salcedo, impulsor e continuador deste programa educativo que faleceu o pasado ano. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os responsables da Ruta Quetzal asinaron  un convenio de colaboración que permitirá que a Comunidade galega sexa a sede dun encontro de catro días ao que se achegarán expedicionarios de distintas edicións da ruta.

Gracias a este convenio, os participantes no encontro poderán tamén coñecer a historia e os atractivos de Galicia. Durante a súa estancia na Comunidade, “percorrerán algúns dos seus enclaves máis significativos e poderán regresar ás súas casas fascinados polo gran interese histórico, cultural e natural que Galicia atesoura”, subliñou Nava Castro. Interese, lembrou a directora de Turismo, do que Miguel de la Quadra-Salcedo “era bo coñecedor e divulgador”.

A pesares de que a colaboración entre ambas as dúas rutas foi frecuente, este tipo de encontros nunca se tivera celebrado en Galicia. O fará nunha ocasión moi especial, pois é a primeira vez que se organiza despois da súa morte. No marco desta cita, desenvolverase un simbólico acto de lembranza a súa figura, que poderá revivir nas testemuñas e anécdotas de moitos dos aventureiros que compartiron viaxes con el ao longo de case corenta anos.

Valores compartidos

Desde o ano 1979, miles de mozos descubriron da man de Miguel de la Quadra-Salcedo dimensións humanas xeográficas e históricas doutras culturas a través da Ruta Quetzal, unha experiencia que mereceu o recoñecemento da Unesco. Este programa achegouse en varias ocasións a Galicia, a última hai só dous anos, a través do Camiño de Santiago, pois a peregrinación xacobea comparte coa Ruta Quetzal moitos dos seus mellores valores e que De la Quadra-Salcedo coñecía ben, pois xa a percorrera de cativo por primeira vez.

Iniciativas como esta, ademais de sumarse á homenaxe dunha das figuras máis destacadas do intercambio cultural das últimas décadas, contribúen a potenciar a imaxe de Galicia como destino turístico internacional, o que fai que continúe a bater récords na cifra de viaxeiros. Só nos cinco primeiros meses do ano, a Comunidade galega xa recibiu máis de 1,4 millóns de turistas, o que representa o número máis elevado acadado nunca entre xaneiro e maio.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!