03 set 2013

As empresas que participen no VIII centenario poderán recuperar ata o 90% da doazón efectuada

A Comisión Interadministrativa estará formada pola Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Turismo de Galicia será o órgano encargado de organizar e levar a cabo os programas aprobados pola Comisión Interadministrativa.
 

O Consello de Ministros aprobou a autorización para a subscrición do convenio de colaboración entre a Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a creación da Comisión Interadministrativa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014).

Esta Comisión Interadministrativa crearase co fin de dar cumprimento á Disposición Adicional dos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2013 que outorga a consideración de acontecemento de excepcional interese público a celebración do citado VIII Centenario. Polo tanto esta celebración gozará dos máximos beneficios fiscais previstos na Lei 49/2002, de 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, durante o período comprendido dende o 1 de xullo do 2013 ao 30 de xuño do 2015.

As empresas que coas súas achegas queiran acollerse aos beneficios fiscais, deducirán un 15% da cota íntegra do imposto de sociedades, entre outros impostos, ata o límite do 90% da doazón efectuada dos gastos de publicidade e propaganda. Ademais, prevense desgravacións de ata un 40% dos Impostos de Sociedade polas doazóns e achegas que realicen a favor de Turismo de Galicia. Outras bonificacións salientables son as referidas ás de ata o 95% das cotas do IAE e dos impostos e taxas locais sobre as actividades e operacións relacionadas co evento.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidirá a Comisión Interadministrativa, da cal tamén formarán parte, membros da Administración Xeral do Estado, a través do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e incluirase un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias, que será Ángel Currás Fernández, alcalde de Santiago de Compostela.

As funcións que levará a cabo esta Comisión serán as de aprobación dos plans e programas de actividades específicas que poden dar lugar á aplicación dos citados beneficios fiscais, a certificación da adecuación dos gastos realizados aos obxectivos e plans do programa de apoio e a aprobación do logotipo do acontecemento e o seu manual de uso e aplicación, entre outras.

Turismo de Galicia será o órgano encargado, directamente ou a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de organizar o evento, executar o programa de actuacións e actividades e captar os recursos económicos precisos para o financiamento dos programas proxectados da Comisión Interadministrativa.

Esperase que as empresas galegas sexan partícipes na programación do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela para axuntar esforzos e procurar as sinerxías necesarias que consigan que Galicia sexa un referente a través desta celebración.

VIII Centenario de San Francisco de Asís

A programación do VIII Centenario de San Francisco de Asís comezou o 22 de agosto coa inauguración da exposición Peregrino e novo apóstolo San Francisco no Camiño de Santiago no palacio de Bonacquisti, na cidade italiana de Asís. A inauguración foi todo un éxito, con máis de 160 persoas nun so día. Ata a data de hoxe contabilizáronse 882 visitantes, sendo os días con mais afluencia o fin de semana no que más de 100 persoas ao día foron a coñecer a exposición. Esta mostra supón un paso mais no irmandamento entre Santiago e Asís.

A este evento hai que sumar a organización dunha peregrinación colectiva dende Asís a Santiago de Compostela e numerosos congresos como o Primeiro Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo, que se celebrará entre o 18 e 20 de setembro coa colaboración da Organización Mundial do Turismo. Este congreso converterá a Galicia no centro mundial de referencia das peregrinacións de todo o mundo e afianzará a imaxe da nosa comunidade como o gran centro de peregrinación, espazo de encontro de culturas e berce de todas as relixións. Así mesmo, en outubro do próximo ano, Santiago acollerá a gran Cume Internacional de Asociacións Xacobeas, sendo a primeira vez que unha convocatoria destas características reúna en Galicia aos integrantes das asociacións repartidas por todo o mundo.

Eventos musicais, expositivos, deportivos, infantís ou relacionados coas artes escénicas e audiovisuais completarán unha ambiciosa programación que divulgará o singular e rico patrimonio cultural de Galicia vinculado ao legado xacobeo e franciscano.


Arriba
Axúdanos a mellorar!