06 set 2013

A Xunta aproba a normativa para a ordenación dos campamentos de Turismo en Galicia

O novo texto inclúe novidades relacionadas coa simplificación administrativa.

 

Elimínase a selaxe de prezos, a obriga de contar cun director/a, así como as contías mínimas nos seguros de responsabilidade profesional.

 

 Simplifícanse as categorías ao pasar de catro a tres e establécese o distintivo de Campamento de turismo verde.

O Consello da Xunta aprobou  o proxecto de decreto polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo en Galicia. A Lei 7/2011, do 27 de outubro,do turismo de Galicia, remite a un posterior desenvolvemento regulamentario. A aprobación do novo decreto obedece, ademais, á necesidade de adaptación da regulamentación dos campamentos de turismo ao previsto na Directiva de servizos, relativa aos servizos no mercado interior.

 

Na actualidade os campamentos de turismo regúlanse polo Decreto 143/2006, do 27 de xullo, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo en Galicia. O novo proxecto de decreto aprobado pola Xunta inclúe novidades relacionadas coa simplificación administrativa de xeito que se eliminan imposicións como a selaxe de prezos, a obriga de contar cun director ou directora ou as contías mínimas nos seguros de responsabilidade profesional.

 

No tocante á selaxe de prezos, o novo decreto establece que son substituídos por inaxeitada publicidade destes. De igual modo, simplifícanse as categorías ao pasar de catro a tres.

 

No proxecto de decreto establécese para os campamentos de categoría superior a obriga de dispor dunha área para autocaravanas e caravanas en tránsito, con toma de auga e vertedoiros para a evacuación do contido de WC químicos, ademais de recoller de maneira específica as autocaravanas como elementos de aloxamento dentro dos campamentos de turismo.

 

Campamento de turismo verde

 

Establécese tamén o distintivo de Campamento de turismo verde, que poderá outorgar a Axencia Turismo de Galicia aos campamentos que cumpran, ademais dos requisitos para a súa clasificación nalgunha das categorías previstas na norma, o feito de contar con algunha das seguintes clasificacións:

 

-Certificación baixo a norma UNE 184001:2007 de cámpings e cidades de vacacións ou

norma que a substitúa.
 

-Acreditación de ter concedida a etiqueta ecolóxica da UE aos servizos de campamento de turismo.

 

-Ter concedida a marca Q de calidade turística española a campamentos de turismo.

 

-Contar, de acordo co Regulamento (CE) nº 1221/2009, do Parlamento Europeo e do Consello do 25 de novembro, coa implantación do sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental e a inscrición no rexistro EMAS.

 

-Certificación baixo a norma UNE-EN ISO 14001:2004 de sistemas de xestión ambiental ou norma que a substitúa.

Arriba
Axúdanos a mellorar!