05 mai 2014

Feijóo subliña o esforzo realizado polas 249 empresas da comunidade certificadas co selo ‘Q’ para situar Galicia no liderado da calidade turística

Lembra que en 2003 Galicia contaba con só 13 empresas distinguidas coa marca de calidade e pon en valor o camiño percorrido polo turismo galego en 10 anos.

Subliña que a autonomía ostenta o liderado absoluto en establecementos de turismo rural, balnearios, instalacións náutico-deportivas, de turismo activo, de turismo industrial e de ocio nocturno.

Relaciona o esforzo a prol da calidade coa mellora das cifras de visitantes, que a Semana Santa pasada e a ponte de maio confirmaron a tendencia ascendente de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou  o esforzo realizado polas 249 empresas da Comunidade Autónoma certificadas co selo ‘Q’ para situar Galicia no liderado da calidade turística española. Así o dixo o mandatario autonómico durante o acto de recoñecemento ás firmas que ao longo de 2013, dixo, traballaron por distinguirse intentando ser os mellores, algo que acadaron “grazas á cultura do detalle e ao afán de superación constante nos produtos e servizos ofertados”.

O titular da Xunta lembrou que en 2003 Galicia contaba só con 13 empresas certificadas, o que, segundo remarcou, dá índice do camiño que o turismo galego percorreu en 10 anos. Afirmou que grazas a iso, a nosa Comunidade acada na actualidade “o liderado da calidade turística en España, ao ser a segunda autonomía con máis distintivos, despois de Andalucía, e co 18% do total”.

Xunto con isto, Feijóo sinalou que Galicia ostenta o liderado absoluto en establecementos de turismo rural, en balnearios, en instalacións náutico-deportivas, en turismo activo, industrial ou no eido do ocio nocturno”. Ademais, subliñou que neste último campo, temos todos os locais certificados co Q de Calidade Turística de España, así como máis da metade das instalacións náutico-deportivas e de turismo industrial.

Na súa intervención, o presidente galego puxo en valor o labor que realiza o Instituto para a Calidade Turística Española para incentivar o bo facer de xeito independente e sen ánimo de lucro, o que converteu o seu selo ‘Q’ “nunha marca de nivel e prestixio que todos ambicionan”.

O mandatario autonómico considerou que o investimento en calidade paga a pena porque trae bos resultados, como se comprobou a pasada Semana Santa, en que se confirmou que o incremento de visitantes de preto do 5% que rexistrou Galicia en 2013 era o inicio dunha tendencia. Así, apuntou que a pasada Pascua a ocupación media hoteleira de Galicia superou en 9 puntos a do mesmo período do ano pasado.

Nesta mesma liña, referiuse tamén á recente ponte de maio, cun incremento de visitantes tamén superior á ponte do ano 2013.

Para reforzar esta liña ascendente, o presidente da Xunta avogou por traballar desde a cooperación, apostando pola internacionalización e pola innovación na procura da excelencia.

Arriba
Axúdanos a mellorar!