26 out 2015

Galicia lidera por cuarto mes consecutivo o incremento de viaxeiros aloxados a nivel estatal acadando un máximo histórico

O incremento de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia no pasado mes foi do 9,7%, rexistrando máis de 482.000

O turismo internacional acadou no pasado mes de setembro novos máximos históricos de viaxeiros aloxados, tanto de volume, con máis de 170.000 viaxeiros e 267.000 pernoctacións, como de peso, representando o 35,5% e o 29,7% do total, respectivamente

A ocupación en Galicia rexistrou un incremento no pasado mes de preto de 3 puntos porcentuais, situándose na cifra máis elevada dos últimos cinco anos

No acumulado do 2015 a nosa comunidade rexistrou tamén un máximo histórico de viaxeiros aloxados e a cifra máis elevada de pernoctacións dos últimos cinco anos

Gráfica da demanda turística nacional a setembro de 2015.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de setembro Galicia experimentou un incremento do 9,7% na cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, rexistrando un total de 482.500, e do 6,5% no caso das pernoctacións, rexistrando preto de 900.000 neste noveno mes do ano. Estas cifras permitiron que a nosa comunidade acadase un máximo histórico no seu volume de viaxeiros aloxados e a cifra máis elevada de pernoctacións dun ano non Xacobeo.

A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoctacións, que se incrementaron un 4,1% e un 2,7%, respectivamente. En termos de viaxeiros Galicia foi a terceira comunidade autónoma que rexistrou a taxa de crecemento máis elevada do conxunto do Estado.

En termos de mercado, o turismo interno da nosa comunidade –correspondente ao dos residentes en Galicia- rexistrou un incremento do 1,2% en relación ao pasado ano. O volume de viaxeiros residentes incrementouse nun 8,6%, superando o nivel dos 100.000 neste mes de setembro, a cifra máis elevada desde o 2007.

O turismo receptor nacional –aquel que se corresponde cos españois procedentes doutras comunidades autónomas- incrementou neste mes de setembro un 5,1% as súas pernoctacións, rexistrando preto de 450.000 e un 8,4% os seus viaxeiros.

Pola súa parte, o turismo internacional continuou a senda de crecemento rexistrada nos últimos anos, acadando novamente no pasado mes de setembro máximos históricos tanto de volume –con máis de 170.000 viaxeiros aloxados e 267.000 pernoctacións- como de peso dentro da estrutura da demanda –representando o 35,5% do total de viaxeiros e o 29,7% das pernoctacións-.

A nivel territorial, as catro provincias galegas rexistraron un comportamento positivo da demanda hoteleira, destacando o incremento producido en Ourense do 14%. Pola súa parte, A Coruña rexistrou un incremento do 7,9%, Pontevedra do 5,2% e Lugo do 1,8%.

En canto aos niveis de ocupación do sector hoteleiro, Galicia rexistrou tamén unha mellora en relación ao pasado ano, ao incrementarse a mesma en 2,77 puntos porcentuais, situándose na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

Tamén as tarifas hoteleiras en Galicia subiron neste noveno mes do ano, nun 4,4%. A mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de setembro, acontecida nun contexto de suba dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da comunidade incrementar os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo mes de 2014 –o RevPAR subiu un 10,5%-.

3º Trimestre do 2015
A nosa comunidade superou no terceiro trimestre do ano nun 12,1% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 10,1% o nivel de pernoctacións do terceiro trimestre de 2014, acadando niveis que supoñen máximos históricos en Galicia –con máis de 1,7 millóns de viaxeiros e 3,4 millóns de pernoctacións-. A nosa comunidade marcou, así, neste verán record de afluencia turística no que atinxe ao segmento hoteleiro.

No conxunto do Estado obsérvase tamén unha mellora dos niveis de demanda no verán, do 5,4% a cifra de viaxeiros aloxados e do 4,4% o volume de pernoctacións, neste caso. En termos de viaxeiros aloxados Galicia marca a taxa de crecemento máis elevada do conxunto do Estado co 12,1%.

Galicia rexistrou un comportamento homoxéneo dos tres grandes segmentos de mercado. O turismo interno subiu un 2,3% e o mercado receptor nacional incrementou un 12,1% a súa cifra de viaxeiros aloxados e un 10,7% as súas pernoctacións, circunstancia que leva a que este segmento rexistre máximo histórico de viaxeiros aloxados –con 881.000 nestes tres meses-. Pola súa parte, o turismo internacional rompe tamén as cifras do pasado ano e rexistra máximos históricos tanto de volume –con preto de medio millón de viaxeiros e 790.000 pernoctacións- como de peso no conxunto da demanda –representa neste trimestre o 28,9% dos viaxeiros e o 23,0% das pernoctacións-.

Pola súa banda, o nivel de ocupación nos hoteis e pensións de Galicia sobe neste terceiro trimestre en 4,7 puntos porcentuais.

Acumulado do ano
No primeiros nove meses do ano Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade do 12,3% en relación ao pasado ano, rexistrando máis de 3,3 millóns. Melloraron tamén as pernoctacións, incrementándose un 9% e rexistrando preto de 6,3 millóns neste período.

É o terceiro ano consecutivo no que a nosa comunidade rexistra un incremento da demanda neste período de nove meses, circunstancia que leva a que Galicia rexistre no acumulado de 2015 un máximo histórico de viaxeiros aloxados. Así mesmo, en termos de pernoctacións Galicia acadou neste período a cifra máis elevada dos últimos cinco anos, rexistrando máis de 6 millóns.

A nivel estatal rexistrouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 5,5% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 3,8% no que atinxe ás pernoctacións. En termos de viaxeiros, Galicia rexistrou a porcentaxe de crecemento máis elevada do conxunto do Estado.

O turismo interno creceu nestes nove primeiros meses do ano nun 2,0%, incrementando os seus viaxeiros aloxados nun 7,5%.O turismo receptor nacional incrementouse nun 10,1% mentres que o internacional subiu un 14,5%, porcentaxes que se incrementan ata o 11,7% e o 17,6% respectivamente no relativo aos viaxeiros aloxados.

O notable incremento do turismo internacional levou consigo que este mercado acadase un máximo histórico tanto de volume –con preto de 970.000 viaxeiros aloxados e máis de 1,5 millóns de pernoctacións- como de peso no conxunto da demanda –supoñendo o 29,1% dos viaxeiros e o 24,1% das pernoctacións-.

Como consecuencia da mellora dos volumes de demanda os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao pasado ano, en máis de tres puntos porcentuais, ata situarse na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

Arriba
Axúdanos a mellorar!