05 xul 2016

Turismo de Galicia organiza unha visita de bloggers á Veiga para promover o destino starlight de Trevinca

Participaron nunha sesión de observación de estrelas e tamén puideron coñecer a oferta de turismo de natureza, sendeirismo e BTT do macizo de Trevinca

 

Un grupo de catro bloggers, dous fotógrafos e un xornalista especializado en información turística visitaron o concello da Veiga co obxectivo de coñecer o destino Starlight de Trevinca, ademais da oferta relacionada co turismo de natureza, o sendeirismo e o BTT deste macizo, incluído no xeodestino Manzaneda-Trevinca.

Os visitantes puideron coñecer a contorna glaciar do Macizo de Trevinca, con visita á lagoas de Ocelo, así como a oferta náutica e de ocio do encoro de Prada.

Os visitantes puideron participar nunha observación comentada de estrelas desde a localidade de Valdín, na Veiga.

Destino Starlight

Desde o pasado verán, o Macizo de Trevinca xunto coas Illas Cíes contan coa distinción de destino Starlight.

Os destinos turísticos Starlight son lugares visitables que gozan de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estaren protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas baseadas nese recurso natural.

O destino turístico Starlight de Trevinca é un espazo triangular limitado polos vértices da Tablilla das lagoas, Pico Maluro e O Rañadoiro, dentro do Espazo Natural Protexido de Pena Trevinca, declarado zona ZEC e ZEPA, no concello da Veiga.

Trevinca, incluído no Xeodestino Manzaneda-Trevinca, goza de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados por estar afastado dos grandes núcleos de poboación e pola súa altitude.

Promoción do xeodestino Manzaneda-Trevinca

Por outra parte, Turismo de Galicia e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) achegarán 72.500 euros para a dinamización turística do xeodestino Manzaneda-Trevinca, segundo o convenio asinado recentemente entre a directora do organismo autonómico, Nava Castro, e o presidente do INORDE, Rosendo Fernández.

As accións a desenvolver teñen como obxectivo valorizar o turismo nesta zona mellorando a cualificación dos recursos humanos, a imaxe e a política de comunicación, a promoción e a comercialización do destino e mediante o deseño e desenvolvemento de novos produtos baseados no turismo deportivo, ornitolóxico, astronómico, gastronómico, enolóxico, industrial, familiar, cultural e no ecoturismo.

O convenio, que estende a súa vixencia ata finais de ano, actuará no ámbito territorial dos concellos de A Pobra de Trives, A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras.

Arriba
Axúdanos a mellorar!