22 mai 2017

Dúas bloggers chinesas coñecen o Camiño de Santiago nunha viaxe promovida por Turismo de Galicia

 Fei Zhiqun e Zhang Xiaoguang suman máis de 60 millóns de interaccións nos seus blogs relacionados coas viaxes, o medio ambiente e a cultura internacional

Comezaron onte  a percorrer a a pé 100 quilómetros do Camiño e está previsto que cheguen a Santiago o vindeiro día 25

 

Co obxectivo de difundir os valores do Camiño de Santiago entre a sociedade chinesa, Turismo de Galicia vén de organizar unha viaxe de promoción na que as bloggers Fei Zhiqun e Zhang Xiaoguang poderán coñecer a Ruta Xacobea realizando a pé os últimos 100 quilómetros.

Estas dúas bloggers, especializadas en viaxes, medio ambiente e cultura internacional, comezaron onte o seu percorrido polo Camiño e está previsto que cheguen a Santiago o vindeiro día 25.

Durante a súa estadía na Comunidade galega poderán profundizar en aspectos relacionados coa Ruta xacobea pero tamén nas costumes, na cultura e no turismo galego en xeral.

A presenza destas dúas bloggers nas redes sociais chinesas materialízase en máis de 60 millóns de interaccións nos seus blogs e varios centos de miles de seguidores en distintas redes, sumando Zhang Xiaoguang máis de 270.000 seguidores en Weibo.

Esta blogger, escritora freelance e fotógrafa de lugares turísticos, gastronomía e patrimonio monumental xa visitou máis de 70 países e ten publicado en revistas como Cosmopolitan, National Geographic Traveler, Time Out, Travel and Leisure, Voyage e Global Times.

Fei Zhiqun, pola súa parte, tamén está especializada en viaxes, cultura, artes e gastronomía, e xa visitou máis de 30 países.

Os traballos de comunicación de Feir Zhiqun publicáronse máis de 150 veces en revistas chinesas, tanto online como offline.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!