06 nov 2017

A Xunta salienta que Estratexia do turismo de Galicia 2020 está a repercutir positivamente na recuperación da confianza do sector

 Nava Castro recordou que nestes meses estanse a cumprir os primeiros obxectivos marcados, afondando nun crecemento ordenado e sustentable

 
Aplaudiu a progresiva mellora da rendibilidade das empresas galegas pois sete de cada dez empresarios prevé manter ou mellorar os seus resultados este ano
 
Ovidio Rodeiro referiuse ao gran potencial da provincia da Coruña en eidos como o en ecoturismo grazas á singularidade dos parques naturais das Fragas do Eume ou do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán
 
O acto contou coa presenza de numerosos profesionais que participaron nun debate para reflexionar sobre o presente e futuro do turismo na provincia
 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participaron na cidade da Coruña nun acto no que presentaron aos profesionais da provincia as liñas mestras do turismo galego e fixeron balance dos primeiros meses da posta en marcha da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do Goberno galego para os vindeiros anos.

Como explicou Nava Castro, estanse a cumprir os primeiros obxectivos marcados ao acadar un crecemento ordenado e sustentable. De feito, Galicia recibiu en setembro un 2% máis de turistas, o que suma preto de 4,2 millóns de visitantes neste ano. Algo que, como indicou, demostra que sector turístico continúa a medrar a bo ritmo, avanzando de xeito sostido no seu modelo de turismo responsable.

“Medramos en número pero tamén en confianza”, advertiu a responsable de Turismo da Xunta, recordando que tamén se está a constatar unha progresiva recuperación das boas sensacións entre as empresas turísticas galegas, como así o demostra a última enquisa de Exceltur sobre confianza empresarial. Este documento revela que máis do 70% dos empresarios do sector turístico galego prevé manter ou aumentar beneficios neste último trimestre do ano e case nove de cada dez cre que poderá aumentar as súas vendas. “Son boas novas que nos animan a seguir traballando neste camiño”, explicou Nava Castro.

Compromiso da Xunta coa Coruña

O acto organizado na Coruña serviu, ademais, para debater particularmente sobre o presente e futuro turístico desta provincia que, como recoñeceu Nava Castro, está a demostrar ser especialmente atractiva para o turismo urbano e de compras, o turismo náutico, de cruceiros, cultural, gastronómico e tamén clave para o Camiño Inglés. “A Administración autonómica aposta pola Coruña como un exemplo claro do que Galicia pode ofrecer como destino”, reforzou Nava Castro recordando que foron máis de 1,7 millóns os visitantes e máis de 3,2 millóns de pernoitas os que recibiu esta provincia no que levamos de ano e que supón un crecemento da demanda dun 4% en relación ao ano pasado.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, fixo mención ao gran potencial desta provincia en eidos como o ecoturismo, que é, como dixo “un dos eixos da Estratexia, como elemento tractor do rural galego e factor equilibrador do desenvolvemento rural e urbano do noso territorio”. Neste sentido, referiuse ás iniciativas postas en marcha nos parques naturais galegos, entre os que se atopan as Fragas do Eume e o Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, que están a ser de gran importancia turística “para o aproveitamento do gran potencial que ofrecen”, explicou.

Do mesmo xeito puxo en valor as actuacións previstas na Estratexia vencelladas a potenciar a dimensión turística dos xeodestinos que, como indicou, terá especial importancia nos das Rías Altas, a Costa da Morte, Terras de Santiago e nas rías de Muros e Noia, todos “cun incrible nivel para o seu desenvolvemento turístico pleno”, indicou.

O acto completouse cunha mesa redonda coa presenza de Carlos Rivas, profesor da Escola de Turismo da Coruña e participante na elaboración da Estratexia do turismo de Galicia 2020; Rafael de Benito, presidente da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (HOSPECO); Enrique Pena, director do Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco); Luis del Moral, concesionario do peirao de Trasatlánticos da Coruña, e Cristobal Ramírez, xornalista e especialista no Camiño Inglés e en parques naturais.

Exemplo de turismo responsable

Esta iniciativa enmárcase no traballo da Xunta de Galicia centrado en manter encontros co sector galego sobre a Estratexia do turismo de Galicia 2020 nas diferentes provincias galegas. Cun investimento de 240 millóns de euros repartidos entre tres retos, 11 liñas estratéxicas e 90 propostas de acción, a paisaxe, os recursos naturais e a sustentabilidade, os valores diferenciadores, a mobilidade turística e os Camiños de Santiago como dinamizadores reciben o 76% dos investimentos previsto. No orzamento inclúese ademais a mellora da rendibilidade, a formación e profesionalización, a comercialización, así como a innovación turística.

Con esta Estratexia a Xunta deseña unha Galicia que aposta por un turismo responsable e consolida a Comunidade como un destino tranquilo para visitar ao longo de todo o ano, grazas a recursos como o Camiño de Santiago, o enoturismo, o termalismo ou o turismo de saúde. As liñas mestras do turismo galego céntranse, ademais, na configuración de Galicia como destino integrador e accesible cunha oferta que se engade ao forte atractivo da natureza, principal razón pola que os turistas elixen Galicia xunto á gastronomía.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!