18 set 2017

A exposición ‘O Camiño de Shikoku’ encara a súa recta final no Museo das Peregrinacións e de Santiago con éxito de visitantes

 A mostra enmárcase na colaboración que mantén esta ruta co Camiño de Santiago e que permitiu a Galicia desenvolver accións promocionais e culturais en Xapón

Organizada polo Consello para a Inscrición do Camiño de Shikoku como Patrimonio Mundial, pode verse en Santiago de Compostela ata o 24 de setembro

Amosa os paralelismos entre este itinerario e a ruta xacobea e reúne obxectos históricos e imaxes actuais que falan da historia e a espiritualidade da mesma

A exposición O Camiño Shikoku, que se pode ver no Museo das Peregrinacións e de Santiago desde o pasado mes de xullo, encara estes días a súa recta final tras o éxito de visitantes rexistrado nos últimos meses, cando este museo recibiu preto de 7500 persoas que tamén puideron visitar a mostra.

A exposición, organizada polo Consello para a Inscrición do Camiño de Shikoku como Patrimonio Mundial da Unesco e as prefecturas, poderá visitarse ata o vindeiro 24 de setembro en Santiago de Compostela e enmárcase na colaboración que mantén esta ruta co Camiño de Santiago, unha relación que permitiu á comunidade galega desenvolver nos últimos anos diferentes accións promocionais e culturais en Xapón.

O Camiño de Shikoku reúne, entre outros obxectos, a primeira guía do Camiño Shikoku, publicada a finais do século XVII por un asceta de Osaka, así como o documento que proba a visita dos peregrinos a cada un dos templos, elementos que teñen certos paralelismos cos existentes no Camiño de Santiago.

Propón, ademais, unha viaxe pola historia e a espiritualidade desta ruta xaponesa, que ao longo de 1400 quilómetros está asociada a 88 templos das prefecturas de Tokushima, Kochi, Ehime e Kagawa, e reúne pezas históricas e imaxes da peregrinación na actualidade. A mostra indaga, ademais, nas peculiaridades deste itinerario que tradicionalmente foi un xeito de adestramento espiritual para ascetas e monxes budistas que viaxaban por el meditando e orando.

Crecente interese do mercado xaponés

Con esta exposición estréitanse lazos co mercado turístico xaponés que, desde hai unha década non deixou de medrar, especialmente vinculado ao fenómeno da peregrinación a Santiago de Compostela. De feito, este interese crecente por Galicia e o Camiño de Santiago levou a Xapón a entrar nas nacionalidades máis presentes na ruta xacobea e nos primeiros meses deste ano o número de peregrinos xaponeses ascende a preto de 1000.

 

 

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!