18 set 2017

Expertos de varios países participarán en novembro no X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos titulado ‘Jacobus Patronus’

 Turismo de Galicia abre o prazo de inscrición nestas xornadas, que terán lugar ao longo de tres días no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela

 
A cita permitirá afondar nos aspectos máis significativos do padroado de Santiago desde as perspectivas iconográfica, simbólica, política, histórica ou espiritual
 
A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, impulsada entre a Xunta de Galicia, a USC e a Catedral compostelana, ofrece doce bolsas para investigadores

 urismo de Galicia, a través do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, organizará en novembro o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos Jacobus Patronus. As xornadas celebraranse entre os días 9 e 11 e reunirán en Santiago de Compostela a expertos de varios países.

A cita, dirixida polo profesor italiano Paolo Caucci, presidente de dito Comité, ten como obxectivo afondar nos aspectos máis significativos do padroado de Santiago. Con esta perspectiva, analizaranse as características do apóstolo como patrón e protector de nacións, cidades, ordes hospitalarias e militares, confrarías ou igrexas. De xeito especial, indagarase sobre os aspectos espirituais, iconográficos, simbólicos, políticos e históricos dunha relación con vínculos profundos na cultura e mentalidade de moitos pobos de Europa e América.

O prazo de inscrición abriu esta semana, de xeito gratuíto ata completar aforo, e pechará o 3 de novembro. O congreso terá lugar no auditorio do Hostal dos Reis Católicos e está dirixido a estudantes, docentes, estudosos da cultura xacobea, membros de asociacións de amigos do Camiño de Santiago e cidadás en xeral interesados nas cuestións que se abordarán. O formulario de inscrición está dispoñible a través da seguinte ligazón. A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, impulsada entre a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago e a Catedral compostelana, ofrece doce bolsas a investigadores consistente na estancia completa na capital galega durante os tres días do congreso.

Poñentes de recoñecida traxectoria

Fernando López Alsina, da Universidade de Santiago (USC), ofrecerá a conferencia inaugural, á que seguirán relatorios e mesas redondas con Paolo Caucci, da Università degli Studi di Perugia; Adeline Rucquoi, do CNRS de Francia; Paulo Almeida, da Universidade de Coimbra e Porto; Rosanna Bianco, da Università degli Studi di Bari Aldo Moro; Philine Helas, da Bibliotheca Hertziana Roma; María José Azevedo, da Universidade de Coimbra; Miguel Taín, da USC, e Hugo O’Donnell e Duque de Estrada, da Real Academia de la Historia.

Tamén estarán Carla Varela, da Universidade Nova de Lisboa; Giuseppe Arlotta, do Centro Italiano di Studi Compostellani; Francisco Puy, da USC; Anna Sulai Capponi, da Università degli Studi di Perugia; Antonio Casasola, do Instituto Teológico Pío XII de San Sebastián; Eduardo Andrades, da Universidad del Desarrollo de Chile; Klaus Herbers, da Universität Erlangen, Alemaña; Piotr Roszak, da Uniwersytetu Mikołaja Kopernika, Polonia; Lucia Gai, Comitato san Jacopo, Pistoia, e Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!