17 nov 2017

Nava Castro valora a posta en marcha de experiencias turísticas transnacionais como clave para reorientar os fluxos de viaxeiros

 Referiuse á importancia das sinerxías entre administracións de todo o mundo a través de iniciativas conxuntas para atraer visitantes a outros lugares de interese

Máis dun centenar de especialistas das principais entidades sobre turismo temático e rutas transnacionais participan nas xornadas desde hoxe e ata o sábado

Inclúese na programación do 30 aniversario do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo que se está a celebrar desde o mes de outubro 

Nava Castro no seminario organizado en colaboración coa Organización Mundial del Turismo e a European Travel Commission

A  directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, referiuse á importancia que está a ter a posta en marcha de experiencias turísticas conxuntas entre as administracións de diversas zonas do mundo para axudar a reorientar os fluxos de visitantes a outros lugares de interese e afondar así nun modelo turístico ordenado, planificado e sustentable.

Así o manifestou durante a inauguración do Seminario Internacional de Turismo Temático e Rutas Transnacionais, impulsado por Turismo de Galicia xunto á Organización Mundial do Turismo (OMT) e á European Travel Commission (ETC) que se celebra desde hoxe e ata o vindeiro sábado no marco da programación do 30 aniversario do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo e no que participan máis dun centenar de especialistas.

“É importante que colaboremos e aproveitemos que destinos como Europa son moito máis que os principais focos icónicos do continente, poñendo en marcha políticas transnacionais que nos axuden a atraer visitantes a outros destinos”, explicou Nava Castro poñendo como exemplo o Camiño de Santiago e a importancia que o recoñecemento como Primeiro Itinerario Cultural Europeo supuxo neste sentido para reforzar a súa dimensión relixiosa, cultural e tamén europea e internacional.

Aposta pola diversificación

Como lembrou, esta situación favoreceu que a ruta xacobea estea a ser cada vez máis universal que nunca, como así o demostran as cifras. Nos seus itinerarios por terra é, hoxe en día, un dos recursos máis internacionalizadores de Galicia, xa que permite que teñamos recibido neste ano xa preto de 300.000 peregrinos de ata 179 nacionalidades diferentes. E está tamén máis diversificado que nunca. De feito, desde o ano 2013, o Camiño Francés pasou de representar o 70% a ser a día de hoxe o itinerario escollido polo 60% dos peregrinos, dez puntos menos que hai catro anos. De xeito paralelo, o resto de rutas xacobeas continúa a medrar progresivamente.

Algo que, como dixo, tamén se pode conseguir a través dos outros europeos nos que Galicia ten presenza como as Rutas dos Vikingos, os Camiños da Viña (Iter Vitis), a Ruta das Abadías Cistercienses, a Ruta Europea dos Cemiterios, a dos Camiños da Arte Rupestre Prehistórica, o Itinerario das Vilas Termais Históricas, a Ruta dos Fenicios ou o Itinerario Europeo do Patrimonio Xudeu, dos que, dixo, “facilitan unha identidade europea común e son clave para fortalecer Europa como destino, polo que debemos protexelos, conservalos e difundilos”.

Nava Castro afondou tamén no vínculo que estas rutas turísticas transnacionais teñen coa cultura, a historia e o patrimonio, a natureza, o deporte, a gastronomía, a relixión ou a saúde, campos nos que en Galicia ten experiencia. “A colaboración é a nosa responsabilidade, razón pola que, para afondar neste eido, participamos en varios proxectos europeos promocionando e difundindo os nosos produtos turísticos de xeito conxunto”, engadiu.

Puxo como exemplo a presenza de Galicia en proxectos europeos como Saber Universal, en colaboración coa Cámara Municipal de Rieti para a promoción do turismo de peregrinación accesible con proxectos piloto no Camiño de Santiago e no de San Benedicto, en Italia. Referiuse tamén a iniciativas como Gerês-Xurés Dinámico, que pretende mellorar a calidade de vida da poboación local, así como potenciar o coñecemento sobre a Reserva da Biosfera Transfronteiriza desta zona; ou ThalassoInnova, para pór en valor o sector da talasoterapia, onde Galicia é líder. Todos eles, claves, para dar a coñecer Galicia noutros territorios e establecer sinerxías de cara a afondar nun modelo turístico sustentable.

Especialistas de varios continentes

Tras a inauguración, na que a directora de Turismo estivo acompañada polo director executivo de Cooperación Técnica e Servizos da OMT, Zhu Shanzhong, e polo presidente da European Travel Commission, Peter de Wilde, o programa do seminario continuou coa participación de especialistas de varios continentes que están a debater sobre retos, oportunidades ou perspectivas turísticas.

Están presentes representantes da Ruta da Seda, da Asociación Europea do Turismo, do Centro de Competencia do Danubio, da rede Ibertur ou da Federación Europea de Cidades Napoleónicas. Tamén membros da Unesco, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e do Instituto Europeo de Rutas Culturais. Ou a rede europea de rutas de ciclismo EuroVelo, a Ruta Costeira do Atlántico e rutas de Centroamérica e de Sudamérica

O seminario, que continuará mañá con varios workshops e o sábado incluirá un recorrido por algúns puntos de interese de Galicia, enmárcase no programa conmemorativo do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, que a Xunta de Galicia está a conmemorar desde o pasado mes de outubro con numerosas e variadas iniciativas. 

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!