09 dec 2017

Galicia presenta o seu potencial turístico ante os alumnos do Instituto Cervantes en Rusia e os principais operadores do país

 Turismo de Galicia desenvolveu  un completo programa de actividades para presentar o destino galego neste segmento turístico en alza

 
Ademais de organizar presentacións e viaxes de familiarización para operadores e xornalistas do país, a Administración galega tamén participou este ano na prestixiosa feira Moscow International Exhibition Travel and Tourism, MITT
 
Enmárcase no traballo da Xunta de Galicia para afondar na difusión da oferta galega nos mercados emerxentes máis interesantes do panorama internacional
 
Presentación da oferta galega no Instituto Cervantes de Moscú.

 A actividade de promoción de Turismo de Galicia trasladouse  á capital de Rusia, Moscova, onde este departamento da Xunta desenvolveu un completo programa para presentar a oferta turística galega aos principais operadores locais e ao público final.

En primeiro lugar, Turismo de Galicia desenvolveu un relatorio na sede do Instituto Cervantes de Moscova, no que participaron os alumnos desta institución, os cales tiveron a oportunidade de achegarse aos recursos turísticos da Comunidade galega.

Por outra parte, e tamén no Instituto Cervantes de Moscova, Turismo de Galicia, en colaboración con Turespaña, organizou unha presentación da oferta turística galega na que estiveron presentes os operadores turísticos máis importantes da capital rusa e da súa contorna. Por último, o departamento de Turismo da Xunta exerceu como patrocinador da reunión Talentos do negocio turístico, un acto organizado pola Asociación de Empresarios Turísticos Rusos (ATOR), no que participaron arredor de 500 persoas relacionadas co sector turístico de Moscova.

Interese do mercado ruso

Con estas actividades, Turismo de Galicia mantén a súa aposta este ano pola difusión da oferta turística galega nos mercados emerxentes máis interesantes do panorama internacional entre os que se atopa Rusia.

Deste xeito, ademais de organizar presentacións no país e viaxes de familiarización xa en Galicia para operadores e xornalistas rusos, a Xunta participou na feira Moscow International Exhibition Travel and Tourism, MITT, o mercado turístico máis importante deste país.

Nesta feira, e ao longo das súas últimas edicións, Turismo de Galicia puido comprobar un interese crecente polo destino Galicia, tanto entre o público xeral que acude á feira como entre os operadores turísticos rusos que programan viaxes a España.

Ademais da asistencia a esta feira, o departamento de Turismo da Xunta vén desenvolvendo nos últimos anos distintas accións de promoción dos recursos e os servizos turísticos galegos para este mercado emisor.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!