22 xan 2018

‘Escenarios ao volante’ propón 25 rutas insólitas por Galicia e 50 miradoiros que suman máis de 900 km e 110 concellos

 As novas propostas de Galicia para este ano, presentadas en Fitur, complétanse con esta guía que percorre a Comunidade tanto pola costa como polo interior

 
Nava Castro avanzou en Madrid esta publicación, “para descubrir a Galicia verde e a Galicia azul”, editada en galego, castelán e inglés e que se completa cun mapa 
 
 
Presentación en FITUR de Escenarios ao volante.

 A 38ª edición de Feira Internacional de Turismo Fitur acolleu a presentación doutra das novidades impulsadas por Turismo de Galicia para este ano. Trátase de Escenarios ao volante, 25 rutas insólitas polas mellores paisaxes da nosa Comunidade e 50 miradoiros sinalados como imprescindibles.

Nava Castro, directora de Turismo da Xunta, foi a encargada da súa presentación no stand de Galicia, onde sinalou que a paisaxe é unha das principais motivacións dos turistas á hora de visitarnos. En conxunto, esta escolma percorre máis de 900 quilómetros, principalmente a través de estradas secundarias e locais de baixa intensidade de tráfico. Así, Escenarios ao volante acada 110 concellos, e inclúe sete “olladas urbanas” ás principais cidades.
 
“Son itinerarios de costa e do interior para descubrir a Galicia azul e a Galicia verde que se transforman segundo as tempadas, polo que un mesmo percorrido pode cambiar se o facemos en outono ou en primavera”, declarou sobre este produto deseñado para os 365 días do ano. Polo tanto, afonda no compromiso do Goberno galego por desestacionalizar a demanda turística e diversificar os fluxos e repartir os beneficios do turismo polo territorio.

Importante traballo de campo
Escenarios ao volante vén precedido dun importante traballo de campo, visitando un gran número de lugares para valoralos de cara á súa selección final. Así mesmo, se promoveu a participación dos concellos, aos que se lles pediron datos actualizados sobre os miradoiros, así como a incorporación daqueles puntos de observación que consideraban de interese.
 
No proceso final, tamén se contou coa asistencia técnica da Fundación Galicia Sustentable e o apoio cartográfico do Instituto de Estudos do Territorio. O resultado é unha publicación que pretende recoller os itinerarios con maior interese paisaxístico e aqueles miradoiros que ofrecen os mellores puntos de observación. A escolla destes 50 miradoiros foi un proceso complexo no que se tivo en conta a súa accesibilidade e posta en valor previa, para o que foi preciso analizar máis de 400 puntos de interese repartidos por toda a Comunidade.
 
Rías, cantís, cabos, bosques, vales e montañas, o mosaico agro-gandeiro, os ríos Miño e Sil e espazos naturais de singular beleza como O Courel, Os Ancares, o Macizo Central ourensán ou Pena Trevinca inclúense en Escenarios ao volante. A guía, dispoñible en galego, castelán e inglés e que conta cun mapa adicional, está deseñada para desfrutar sen presas, o que posibilitará que cada viaxeiro descubra os seus propios itinerarios. 
 
Arriba
Axúdanos a mellorar!