22 xan 2018

Máis de 76.500 persoas coñeceron en Fitur a oferta turística galega que a consolida como destino acolledor e diversificado

O expositor recibiu máis visitantes que nunca, interesados especialmente polo turismo familiar, o Camiño de Santiago, a gastronomía e as novas rutas en coche

 
Mantivéronse máis de 350 reunións profesionais e sentáronse as bases da proxección internacional do turismo da Comunidade galega para este ano
 
Cumpríronse os obxectivos ao recibir estes días tres galardóns que premian a aposta de Galicia como destino de calidade, que aproveita os seus recursos naturais e culturais dun xeito sustentable e como lugar hospitalario e acolledor
 
 
O recinto de Galicia en FITUR recibiu o premio ao mellor stand institucional.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, presentou  o balance da participación de Galicia na 38º edición da Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se celebrou a semana pasada en Madrid, na que o expositor galego recibiu máis visitantes que nunca, alcanzando unha cifra superior aos 76.500.

“Galicia cumpriu obxectivos”, asegurou a directora de Turismo, Nava Castro, quen recordou que, xunto ás boas cifras de visitantes, a Comunidade galega veu recoñecida a súa aposta como destino de calidade, que aproveita os seus mellores recursos e o seu patrimonio natural e cultural dun xeito sustentable e como lugar hospitalario e acolledor.

Referiuse así ao Premio Q de Calidade Turística outorgado estes días polo Instituto para a Calidade Turística (ICTE) ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pola súa defensa da calidade como eixo das políticas turísticas do Goberno galego. Tamén ao galardón ás experiencias turísticas postas en marcha pola Xunta o pasado outono nos seis parques naturais galegos, consideradas como Mellor Produto de Turismo Activo, concedido por Fitur e a publicación AireLibre; así como ao recoñecemento que obtivo tamén o renovado expositor galego inspirado nun pazo que foi premiado como o mellor das institucións e comunidades participantes, valorando o seu deseño, materiais promocionais repartidos, así como a atención ao público prestada nel.

Máis de 40 presentacións

Durante os cinco días de feira, o expositor de Galicia acolleu un total de 43 presentacións da oferta turística das catro provincias, dando resposta a todas as entidades que así o solicitaron. Foron 13 actos máis que na pasada edición. Distribuíronse máis de 200.000 folletos e material de promoción das entidades participantes. Mantívose contacto, ademais, con máis de 250 xornalistas e bloggers de distintas nacionalidades que acudiron ao stand para obter información sobre o destino Galicia. O expositor do turismo galego rexistrou un máximo histórico de afluencia, ao acoller máis de 76.500 visitantes, 1.000 máis que en 2017.

O balance da presencia de Galicia en Fitur revela tamén o grande interese dos visitantes pola gastronomía de Galicia e a oferta turística global, ademais do turismo familiar, o Camiño de Santiago en familia e novos produtos, como as rutas en coche e miradoiros, Escenarios ao volante, presentado durante a feira. Xunto a esta iniciativa, tamén se presentaron, entre outras, os novos produtos como Galicia Surfing, as experiencias nos seis parques naturais de Galicia, o Club da Auga, os novos produtos turísticos no Camiño de Santiago para persoas con diversidade funcional ou as novidades para a sexta edición dos Trens Turísticos de Galicia, que incluirán dúas novas rutas, algunhas teatralizadas.

Proxección internacional

Desde o punto de vista profesional, Galicia participou no Workshops Hosted Buyers cunha decena de encontros Business to Business, cos principais operadores turísticos internacionais interesados en destinos como o galego, ricos en cultura e patrimonio. Desde Turismo de Galicia tamén se mantiveron reunións cos representantes das Oficinas de Turismo de España no exterior que serviron para realizar a planificación anual de colaboración. “Fitur foi unha excelente oportunidade para sentar as bases da proxección internacional do turismo galego para este ano”, explicou Nava Castro.

Tamén estivo representado o sector no expositor, a través do Clúster Turismo de Galicia. Os seus membros mantiveron máis de 350 entrevistas entre profesionais tanto do territorio nacional como de países como Francia, Portugal, Alemaña, Colombia, México e China. Os visitantes tamén puideron “presumir de Galicia”, unha iniciativa do Clúster, pola que se podían facer fotografías enmarcadas nun ambiente xacobeo para subir á web e ás redes sociais, contabilizándose máis de 1.000.

Expositor con variadas actividades

O recinto que acollía toda a oferta galega estivo atendido por 22 informadores turísticos, con formación específica na materia que atenderon ao público nos 17 mostradores. Alí tamén se ofreceron degustacións de produtos gastronómicos de Galicia. Para iso, contouse coa participación de 15 alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) acompañados de dous profesores. Realizáronse catas comentadas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas, unha exhibición de Artesanía de Galicia, así como unha mostra en vivo de palilleiras de Encaixe de Camariñas.

As xornadas dedicadas ao público final, o sábado e o domingo, foron un gran éxito. Tanto as sete actuacións do grupo folclórico do Centro Galego de Móstoles como as cinco do conxunto Radio Cos, así como os dous obradoiros de instrumentos e danza galega impartidos polo Centro de Móstoles, contaron con numeroso público.

Como sinalou Nava Castro, Fitur converteuse un ano máis no mellor escaparate para difundir e promocionar o destino Galicia. A actividade promocional continuará coa participación de Galicia en 40 feiras en todo o mundo durante este ano, das que 25 serán de ámbito internacional.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!