23 xan 2018

Galicia constata que 2017 foi o mellor ano turístico ao medrar en todos os parámetros e superar os cinco millóns de turistas

 A cifra de viaxeiros aloxados nos hoteis e pensións en decembro permite confirmar as estimacións do Goberno galego nun ano no que tamén se creceu no número de pernoitas ou no tempo no que os turistas permaneceron en Galicia

O número de viaxeiros medrou no último mes máis dun 7%, corroborando que se incrementou máis intensamente fóra de tempada alta, especialmente en outono

A Comunidade galega consolida así o comportamento turístico dos últimos cinco anos da man dun crecemento ordenado, diversificado e repartido en todo o ano

Nava Castro, na presentación dos datos turísticos de 2017.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo balance do ano 2017 no día no que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicaba os datos de ocupación hoteleira correspondentes a decembro do ano pasado, que permiten constatar xa que 2017 foi o mellor ano, ata o momento, para o turismo na Comunidade galega ao conseguir medrar en todos os parámetros dun xeito planificado e ordenado.

Coas cifras facilitadas polo INE referidas a hoteis e pensións –e pendentes de incorporar a ocupación do mes de decembro nos apartamentos turísticos, cámpings e establecementos de turismo rural que se farán públicos a semana que vén– a Comunidade galega está en condicións de constatar que superou por primeira vez os cinco millóns de viaxeiros. Aos 4,9 millóns de turistas aloxados no conxunto dos establecementos regrados ata novembro, súmanselle hoxe máis de 201.000 só nos hoteis e pensións durante o mes de decembro.

En termos de noites, Galicia supera en 2017 os 10 millóns de pernoitas na totalidade da oferta regrada, sumando cinco anos consecutivos de crecemento e, ademais, medra tamén o tempo que os turistas permanecen en Galicia, cunha suba do 2% na estadía media. “Pero en Galicia non medimos o éxito só en cifras. Medímolo en calidade. A que vén da man de saber crecer e de saber facernos atractivos tamén fóra de tempada alta. E, novamente, o conseguimos”, explicou Nava Castro.

Suba do 27% na cidade de Pontevedra

Os datos revelan, ademais, que decembro se converteu no segundo mes no que a demanda turística medrou en Galicia con máis intensidade, en máis dun 7%. As cifras de hoxe confirman tamén que a Comunidade galega foi quen de medrar o ano pasado con máis forza especialmente durante o outono, cumprindo así o obxectivo de desestacionalización xa que novembro, decembro e outubro foron os meses cun crecemento máis intenso.

Nava Castro fixo balance dos datos no Hotel Room Pontevedra, un dos 71 hoteis certificados coa Q de Calidade Turística en Galicia en recoñecemento ao “excelente traballo” levado a cabo o ano pasado polo sector que, como recordou, converteu a Galicia na Comunidade con máis distincións deste tipo e líder en diversos eixos estratéxicos. Ademais, a presentación tivo lugar na cidade de Pontevedra, que experimentou un notable crecemento de case o 27% na cifra de viaxeiros en establecementos hoteleiros e de máis dun 28% na de pernoitas, alcanzando así máis de 115.000 viaxeiros e 227.000 pernoitas.

Do mesmo xeito, a de Pontevedra converteuse tamén na provincia galega na que o turismo medrou máis intensamente durante o pasado ano, sumando así catro anos de crecemento e elevando en 2017 as cifras da provincia a máximos históricos, con máis de 1,4 millóns de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros e preto de 3,4 millóns de noites. Boas cifras que se trasladan a todos os mercados, sendo especialmente clave o crecemento do mercado internacional, superior ao 20%.

Destino acolledor e de calidade

Tras dar a coñecer este primeiro balance de 2017, a directora de Turismo quixo recordar a importancia do traballo conxunto para facer realidade estas cifras. Neste sentido, agradeceu a todos os galegos “por saber acoller coa hospitalidade que nos caracteriza como pobo aos millóns de viaxeiros que recibimos”, e ao sector que ofrece “un destino cada vez máis competitivo”.

De feito, e para seguir avanzando na senda da excelencia, hoxe mesmo publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria dunha das novas apostas do Goberno galego para axudar ao sector a imprimir cada vez máis calidade. Trátase da nova liña de axudas para a renovación de establecementos de aloxamento que estimulará a remodelación e modernización das súas instalacións en aspectos como a mellora de accesibilidade, a favor da excelencia ou de aforro enerxético a prol da sustentabilidade ambiental, entre outras.

Consolidación do modelo

Coas cifras coñecidas hoxe, Galicia consolida o crecemento turístico dos últimos cinco anos. Como explicou Nava Castro, a Comunidade encara agora 2018 co obxectivo de afianzarse como destino de calidade, afondando así no crecemento ordenado e sustentable dos últimos anos da man da suba do turismo internacional, da desestacionalización da demanda, facendo de Galicia un destino atractivo os 365 días do ano, e da diversificación, cunha oferta distribuída por todo o territorio que poña en valor os mellores recursos propios.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!