04 abr 2018

Nava Castro reúnese co sector para implicalo no deseño da primeira ruta atlántica europea de turismo de mergullo

Tras a presentación oficial hai unhas semanas da ‘Wildsea Atlantic Ocean Heritage Route’ (WAOH! Route), na que Galicia participa xunto ao Reino Unido, Irlanda e Portugal, esta reunión cos profesionais permitiu avanzar no deseño deste itinerario

A directora de Turismo de Galicia recordou as oportunidades que este segmento turístico achegará á nosa Comunidade ao permitir establecer sinerxías cos deportes náuticos, a enogastronomía, o turismo mariñeiro ou a arqueoloxía marítima

Ao abeiro dun proxecto europeo esta iniciativa propón a elección de tres zonas por destino, das que se barallan a Ría de Arousa co Parque Nacional das Illas Atlánticas, Corcubión dentro da Costa da Morte ou a Mariña lucense-Costa Cantábrica

 
Reunión co sector turísticos en Santiago.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse  no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) con representantes do sector turístico e de diferentes xeodestinos costeiros para facelos partícipes do deseño da primeira ruta atlántica de turismo de mergullo sustentable Wildsea Atlantic Ocean Heritage Route (WAOH! Route), na que Galicia participa xunto a Reino Unido, Irlanda e Portugal.

Tras a súa presentación oficial hai unhas semanas cando os socios desta iniciativa escolleron Galicia para celebrar a súa primeira mesa de traballo, o proxecto entra agora na fase de deseño da man do sector para ir establecendo os estándares de calidade. A reunión mantida hoxe contou máis dunha vintena de profesionais que puideron coñecer as características deste itinerario. Ao abeiro deste proxecto europeo, este itinerario propón a elección de tres zonas por destino, das que en Galicia se barallan a Ría de Arousa co Parque Nacional das Illas Atlánticas, Corcubión dentro da Costa da Morte ou a Mariña lucense-Costa Cantábrica.

Neste sentido, a directora de Turismo puxo en valor a profesionalidade do sector turístico galego como unha das principais bazas que Galicia achegará a esta nova ruta. Tamén recordou as numerosas oportunidades que este segmento turístico brindará ao permitir establecer sinerxías cos deportes náuticos, a enogastronomía, o turismo mariñeiro ou a arqueoloxía marítima. “É unha perfecta oportunidade na que Galicia tamén ofrecerá a súa personalidade como destino xunto á experiencia na posta en marcha de produtos vinculados ao mar, que poderán enriquecer este novo itinerario internacional”, salientou Nava Castro.

Mercado en crecemento

Esta nova ruta permitirá a combinación con actividades náuticas como percorridos en kaiak polas rías galegas, avistamento de cetáceos ou mesmo actividades para descubrir o patrimonio marítimo formado por galeóns, mercantes ou pesqueiros mergullados nas profundidades, cuxo coñecemento a través de actividades de turismo subacuático permitirán promover a súa conservación e protección como recurso cultural. WAOH! Route atraerá un mercado en crecemento, especialmente no eido internacional e conta co apoio financeiro da Unión Europea.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!