16 abr 2018

Un estudo da USC amosa a positiva repercusión do Camiño de Santiago nos concellos do rural, onde é visto como unha oportunidade de desenvolvemento por parte da poboación local

 Revela que os peregrinos concentran o 2,3% do gasto turístico na Comunidade, pero á vez cada un deles supón o mesmo impacto económico que 2,3 turistas

 
Cada euro de gasto dos camiñantes xera ata un 11% máis de produto e ata un 18% máis de emprego, influíndo nos ingresos dos concellos e na súa calidade de vida
 
Como parte do traballo de campo, fixéronse enquisas entre os veciños, que están satisfeitos co Camiño e ven nel parte da solución aos seus problemas
 
O descenso demográfico é atenuado pola presenza da ruta xacobea e mesmo a poboación vinculada e os peregrinos propician que o número medre
 
Os residentes no itinerario xacobeo aprecian tamén un impacto cultural positivo, sobre todo no relacionado coa restauración e coa mellora do seu patrimonio
 
O impacto medioambiental é favorable: contribúe a preservar a paisaxe e non xera un problema de xestión de residuos nin aumenta a contaminación ambiental
 
Nava Castro: “Á luz das primeiras conclusións imos ser aínda máis conscientes da relevancia do Camiño de Santiago para todos os galegos que viven ao seu carón”
 
Esta investigación, incluída nos compromisos do Plan director do Camiño, é froito da colaboración entre o Goberno autonómico e o Grupo de Análise e Modelización Económica do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia
 
A directora de Turismo de Galicia presentou os primeiros resultados do Estudo do impacto socioeconómico do Camiño.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou os primeiros resultados do Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago, un traballo froito da colaboración entre a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). O informe revela a repercusión que a ruta xacobea está a ter nas economías dos concellos do rural, no emprego, nas tendencias demográficas e noutros aspectos sociais, culturais e medioambientais. De feito, a poboación local ve na peregrinación unha oportunidade que contribúe a solucionar boa parte dos seus problemas.

As primeiras conclusións do informe foron expostas esta mañá no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino polo profesor Melchor Fernández, que dirixiu o estudo xunto a Dolores Riveiro, membros do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e en coordinación cos técnicos especialistas da Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia.

Amais, participaron nesta presentación o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, o director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e representantes de institucións públicas, da Catedral de Santiago, de colectivos xacobeos e do sector turístico galego.

Facilitar as tomas de decisións

Esta investigación, incluída no Plan director do Camiño de Santiago, amosa un forte impacto económico, un intenso impacto a escala local e a satisfacción que xera entre os residentes, que foron enquisados como parte do traballo de campo. Amais, o informe subliña o exemplo de sustentabilidade e medioambiental que representa o modelo da ruta xacobea.

“No Plan director do Camiño de Santiago fixábamos o noso interese por dar resposta á falta de información do impacto real do Camiño de Santiago en Galicia”, declarou Nava Castro.

Na súa intervención, explicou o obxectivo da investigación, que comeza a ofrecer resultados “moi relevantes e útiles”. “Pretendemos prover de información aos axentes do sector e das diferentes administracións públicas, para facilitar as tomas de decisións baseadas en datos que permitan a mellor ordenación e dinamización de Galicia arredor deste eixo vertebrador que é o Camiño de Santiago”, engadiu a responsable de Turismo do Goberno autonómico.

Os beneficios superan aos costes

No eido do impacto económico, o estudo revela que os peregrinos concentran o 2,3% do gasto turístico na Comunidade galega, pero á vez cada un deles supón o mesmo impacto económico que 2,3 turistas nacionais, pola diferenza que constitúe en estadía media, gasto medio e multiplicador. Desde xeito, cada euro de gasto do peregrino xera ata un 11% máis de produto e ata un 18% máis de emprego. Ademais, un 80% volverán como turistas no futuro.

Preguntados pola influencia do Camiño de Santiago nos seus concellos, os residentes dan unha valoración moi positiva, en especial para o conxunto da poboación. Maioritariamente consideran que o concello prosperou e que os beneficios son superiores aos costes.

Os veciños aprecian impactos económicos favorables nos ingresos e nivel de vida dos seus municipios, o comercio local, as posibilidades de emprego ou a actividade turística.

Amdeais, non notan impactos negativos. Perciben que o Camiño de Santiago non perxudica a outras actividades e que os seus beneficios son para residentes do propio concello.

Máis afiliacións á Seguridade Social

Para obter estas valoracións, as entrevistas do estudo da USC centráronse principalmente no Cebreiro e Melide polas súas características dentro do Camiño Francés, como o concello máis envellecido e o máis novo, que ademais son opostos en densidade de poboación.

Xunto ao traballo de campo, analizáronse con metodoloxías tecnolóxicas novidosas os datos procedentes de estatísticas oficiais, que confirman a relevancia da actividade económica nos concellos da ruta xacobea. En concreto, os afiliados á Seguridade Social por cada 1.000 habitantes aumentaron en todos os concellos, coa única excepción de Monterroso.

“Á luz das primeiras conclusións –manifestou Nava Castro– imos ser aínda máis conscientes da relevancia que ten o Camiño para Galicia e para os galegos que viven ao carón da ruta”.

Sen conflitos entre os residentes

O Camiño de Santiago non xera conflitos entre os residentes, que afirman que non dificulta a mobilidade nin o acceso aos diferentes servizos municipais. Ten, así mesmo, un impacto cultural positivo, sobre todo en relación á restauración e a mellora do patrimonio. Amais, os veciños ven no Camiño de Santiago unha oportunidade para coñecer outras culturas.

Tamén no referido ao impacto demográfico os expertos da USC conclúen que a percepción é positiva, pois contribúe ao mantemento da poboación. Aínda que, en liña coa tendencia xeral da Comunidade, as dinámicas son regresivas, a análise permite comprobar que estas foron atenuadas pola peregrinación. Ademais, a poboación vinculada e as estimacións de poboación equivalente, incluíndo o peso dos camiñantes, soe amosar unha pegada efectiva.

Exemplo de sustentabilidade

Aínda que quedan por analizar e coñecer novos datos, que serán presentados proximamente dado o volume dos traballos en marcha, xa se está a comprobar que a Camiño de Santiago e a afluencia de peregrinos non son vistos como problema en ningún caso. Ao contrario, e á vista dos impactos percibidos, a ruta xacobea percíbese máis ben como parte da solución.

Finalmente, os primeiros resultados obtidos consignan un impacto medioambiental positivo, pois a poboación local considera que o Camiño de Santiago contribúe a preservar a paisaxe e non xera un problema de xestión de residuos nin aumenta a contaminación ambiental.

“Para apreciar unha realidade é imprescindible coñecela. Iso estamos a facer: coñecer máis a fondo o Camiño de Santiago, o noso elemento identitario máis internacional”, afirmou Nava Castro, quen avanzou que os responsables do estudo seguirán traballando para, no menor tempo, achegar novas conclusións relacionadas coa percepción do peregrinos sobre a súa experiencia, os seus perfís, as súas dinámicas e as variables que implican os seus fluxos.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!