09 mai 2018

Galicia avanza cara ao Xacobeo 2021 coa primeira reunión do equipo que coordinará ao Goberno central e ás comunidades

 Este grupo permitirá unha maior implicación e coordinación a nivel nacional entre os ministerios e as autonomías para desenvolver accións e iniciativas conxuntas

 
Nava Castro: “O Xacobeo 2021 será un fito na xestión do Camiño que potenciará esta marca internacional e impulsará o desenvolvemento dos nosos territorios”
Reunión no Centro Internacional de Acollida ao peregrino.

 A preparación do Xacobeo 2021 deu outro importante paso coa constitución do Grupo de Traballo Ano Santo 2021 do Consello Xacobeo. Trátase do equipo permanente que coordinará a diferentes ministerios do Goberno central e ás comunidades autónomas e que será presidido pola Xunta de Galicia.

A primeira reunión tivo lugar no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, en Santiago de Compostela, e estivo encabezada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua; da comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.

A creación deste grupo foi unha proposta feita desde Galicia que tivo unha gran aceptación no resto de autonomías. A este respecto, Nava Castro referiuse ao Consello Xacobeo como “bo exemplo dun traballo coordinado” con froitos nos últimos anos como a candidatura dos Camiños do Norte como Patrimonio Mundial ou a elaboración das directrices de sinalización. Del, ademais de Galicia, forman parte as comunidades do País Vasco, Cataluña, Principado de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, Navarra e Castela e León.

“Con ese mesmo espírito abordamos a constitución deste grupo. Traballaremos de modo cooperativo para que o Xacobeo 2021 sexa un fito na xestión do Camiño de Santiago, un elemento potenciador desta marca internacional e un factor que impulse o desenvolvemento dos nosos territorios”, declarou a directora de Turismo de Galicia ao comezo de xuntanza.

Este grupo permitirá unha maior implicación e coordinación entre os axentes involucrados na ruta e contará con asesoramento externo co obxectivo de propiciar accións de promoción conxuntas e organización de actividades culturais, o desenvolvemento de medidas a prol da seguridade do peregrino ou o deseño de estratexias para mellorar a acollida que se presta.

Anticipación e cooperación

O grupo de traballo constituído hoxe a nivel nacional engádese ao traballo avanzado desde a Xunta nos últimos anos ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago, en marcha desde 2015 e que xa ten rematadas ou en execución máis da metade das súas medidas.

Así mesmo, a nivel autonómico, creouse xa a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, e designouse á súa comisaria. Este organismo coordinará aos diferentes departamentos da Xunta de Galicia, a outras administracións públicas, á Igrexa e ás institucións privadas.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!