23 mai 2018

Turismo de Galicia mobiliza preto de 360.000 euros para reparar os danos causados polos últimos temporais no Camiño Francés

 Nava Castro asinou 11 convenios de colaboración cos alcaldes da ruta xacobea máis percorrida para actuacións nas que a Xunta achega máis do 77%

 
“Este investimento permítenos acondicionar, ante a tempada estival, os tramos deteriorados polas condicións meteorolóxicas dun inverno moi duro”, declarou
 
Dos preto de 64.000 peregrinos recibidos no que vai de ano, máis do 56% realizou o Camiño Francés, que en outono cumprirá 25 anos como Patrimonio Mundial
 
O nivel de satisfacción dos peregrinos é moi alto: para un 64% a experiencia é mellor ou moito mellor do agardado e o 98,6% recomenda a outros realizala
 
Reunión coa Mancomunidade do Camiño.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou 11 convenios de colaboración cos alcaldes dos concellos polos que discorre o Camiño Francés. Coa súa sinatura, o Goberno galego mobiliza un investimento de preto de 360.000 euros para levar a cabo actuacións urxentes de reparación no Camiño Francés debido aos danos causados polas choivas e os temporais dos últimos meses.

A Xunta de Galicia achegará o 77% dos fondos necesarios para desenvolver estas accións, mentres que o restante será aportado polos concellos. Esta actuación permitirá que estea en perfectas condicións ante a tempada estival, cando se recibe maior volume de peregrinos.

“O Camiño de Santiago é unha obra en permanente mellora, un espazo vivo. Por iso, desde Turismo de Galicia acondicionamos os tramos que se van deteriorando co paso do tempo e actuamos con especial énfase cando, como neste caso, as condicións meteorolóxicas dun inverno moi duro afectan ao trazado”, sinalou Nava Castro a propósito desta sinatura.

En concreto, os convenios beneficiarán aos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso e Palas de Rei, na provincia de Lugo, e Melide, Arzúa e O Pino, na provincia da Coruña. Afóndase deste xeito no amplo compromiso de cooperación do Goberno autonómico cos concellos do itinerario xacobeo máis percorrido. O Camiño Francés, que o vindeiro outono cumprirá 25 anos desde a súa declaración como Patrimonio Mundial pola Unesco, segue a ser o favorito dos peregrinos. Dos preto de 64.000 que recibiron no que vai de ano a Compostela, o 56,6% procedía do Camiño Francés.

Reforzo ao Plan director

Nava Castro lembrou que o Estudo do impacto socieconómico do Camiño de Santiago, que realiza a Universidade de Santiago de Compostela por iniciativa da Xunta, está a amosar o altísimo nivel de satisfacción dos peregrinos, pois un 64% afirma que a experiencia foi mellor ou moito mellor do inicialmente agardado e o 98,6% recomendan facela a outras persoas.

“Estes 11 convenios de colaboración vainos axudar a manter estes niveis de satisfacción”, declarou a directora de Turismo, quen lembrou que estas medidas engádense ás previstas no Plan director do Camiño de Santiago, do que xa se ten executado máis da metade. 

 

 

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!