17 xul 2018

Galicia reforza o seu papel como destino de turismo idiomático coa nova edición dos cursos internacionais da USC

 O Goberno galego, no marco da Estratexia do turismo de Galicia 2020, aposta por este segmento que trae viaxeiros que ademais realizan unha longa estadía turística

O xerente do Xacobeo participou na presentación dos cursos de verán.

 A Comunidade galega reforza un ano máis o seu papel como destino idiomático cunha nova edición dos cursos internacionais que organiza a Universidade de Santiago de Compostela e que foron inaugurados nun acto que contou coa participación do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.

Esta actividade formativa pon en valor un ano máis o potencial de Galicia para o turismo idiomático, un segmento que está a emerxer na Comunidade conseguindo atraer numerosos grupos de visitantes. Estes cursos de idiomas, asociados ao coñecemento da cultura e patrimonio galegos, están sendo un factor en alza para visitar Galicia. Así o reflicte a Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego que inclúe o turismo idiomático como segmento emerxente no que traballar nos vindeiros anos.

Impulso como destino de calidade

O modelo turístico de Galicia ten moi en conta este tipo de viaxeiros ao reunir gran parte dos elementos que axudan a construír un destino responsable e de calidade como o galego. Son visitantes que acoden ao destino a aprender, pero tamén a gozar da cultura, da enogastronomía, da natureza ou do patrimonio. Estes turistas tenden, ademais, a realizar unha longa estadía permitíndolles coñecer máis días o destino ao completo.

O turismo idiomático estase a consolidar, así mesmo, como unha oportunidade para atraer a Galicia o mercado estranxeiro, dando así resposta ás aspiracións do Goberno autonómico, fixadas na Estratexia 2020, para conseguir que un terzo de todos os turistas que se reciben procedan do estranxeiro. O ano pasado este mercado supuxo xa o 28,7% do total.

Arriba
Axúdanos a mellorar!